“Temos que estar moi orgullosos da nosa Vila e do traballo feito durante os últimos anos por este gran equipo, porque xogamos un papel primordial no turismo galego, pero tamén no nacional e internacional, tal e como quedou reflectido durante este días en Madrid”, afirmou o alcalde, Ángel Rodal, xa en Baiona despois de acudir a Fitur xunto á concelleira de Turismo, Beatriz González.
Baiona recibiu o pasado xoves o premio Quality Coast Gold Award, segunda cualificación máis alta do proxecto, tras lograr unha puntuación de 8 sobre 10 en criterios coma o ecosistema mariño, a conservación, actividades económicas, oferta turística, seguridade, patrimonio natural e cultural do destino, así como a beleza natural e a calidade medioambiental.
Ese mesmo día, Baiona foi designada de entre 202 candidatos como terceiro mellor destino turístico de España na convocatoria dos premios Sicted (Sistema Integral de Calidad Turística Española en Destinos), galardóns que concedeu a Secretaría de Estado de Turismo a través de Turespaña e ao que optaba xunta a potencias do sector nacional coma Fuerteventura. Almería, La Gomera, Laredo, Almagro, Benavente, Málaga, Montaña de Navarra e Gran Canaria.
Ademais, o alcalde de Baiona acudiu á asemblea de Vilas Mariñeiras de España, organismo que presidirá a Real Vila dende xuño de 2017 a xuño de 2019, e participou da man da Deputación de Pontevedra da presentación do Camiño pola Costa, onde xoga un papel fundamental para que hoxe en día sexa camiño de peregrinación.
Tamén o xoves, o Concello participou na presentación de Turgalicia sobre turismo náutico, onde se fixeron públicos os datos de 2016 que apuntan a Baiona como líder de Galicia en número de tránsitos de embarcacións nos seus portos deportivos.
Festa da Arribada
Xa o venres chegou outro dos grandes momentos de Baiona na feira de Turismo coa presentación da XXII Festa da Arribada. Neste caso, a Xunta de Galicia, a través de Turgalicia, presentou xunto co Concello de Baiona a nova edición da festa declarada de Interese Turístico Internacional, unha das nove de entre 320 municipios.