Unha das fogueiras será organizada polo propio Concello e a Asociación de Comerciantes e Empresarios de Baiona (Aceba) na praia da Ribeira. Durante as últimas horas xa comezou a montaxe con todas as medidas de seguridade e un perímetro valado. O Concello tamén ten preparado un dispositivo especial de limpeza para que o areal quede en perfecto estado ás poucas horas da celebración. A celebración contará con sardiñada e a tradicional fogueira na Ribeira a partir das 20:00 horas. A velada estará amenizada coa música en directo do grupo El Patio e DJ Vince Stone.
Ademais, durante a fin de semana o barrio de San Xoán celebrará as súas festas patronais. O sábado, ás 10:00 horas, será a misa rezada na Capela de San Xoán. Ás 19:30 horas sairá a procesión dende a Capela ata a igrexa parroquial, acompañada polo Grupo de Gaitas “A Seneira” de Baiona, percorrendo as rúas Diego Carmona, A Laxe, San Xoán e Santa Liberata. Por último, ás 20:00 horas, celebrarase a Misa Solemne na igrexa parroquial cantada polo coro.