Doutra banda e como novidade, todos os xoves ás 10:00 horas (a partir do 20 de xullo e ata o 31 de agosto) o Concello organiza a ruta ‘Xoves no Camiño’, con saída dende a Oficina de Turismo. O percorrido será en dirección á Praza de Santa Liberata e continuará o trazado do Camiño Portugués pola Costa nas rúas Manuel Valverde, rúa Conde e O Burgo ata a praza Vitoria Cadaval de Sabarís.
A ruta é lineal e a guía que acompañará ao grupo realizará o regreso a Baiona camiñando polo Paseo Marítimo. Os participantes terán a posibilidade de acompañala ou regresar por libre. A duración aproximada da ruta é de unha hora e 30 minutos cunha distancia aproximada de 3,5 quilómetros.
A dificultade é baixa e as prazas limitadas, polo que para esta visita si será necesaria a inscrición previa na Oficina de Turismo (986 687 067). Recoméndase levar roupa e calzado cómodo, así como auga e protección solar.
Esta iniciativa xorde para fomentar, incentivar e dar a coñecer o Camiño Portugués pola Costa, novena ruta de peregrinación declarada oficial o pasado mes de agosto, ao seu paso por Baiona.