Rafael Lorenzo, secretario do Estado Maior da Armada e axudante de campo da S.M. Rei Juan Carlos, acudiu en persoa a recibir un galardón que valorou cun “significado moi especial” por tratarse da Vila na que estableceu a súa residencia durante os últimos 50 anos.
“Aquí aprendín a nadar, a remar, a navegar… tamén aquí coñecín a miña esposa e Baiona sempre foi a miña paixón, tanto o pobo como os seus habitantes”, afirmou o Almirante durante un emotivo discurso no que mencionou pasaxes da súa xuventude e enumerou amigos da infancia, algún deles presente no Salón de Plenos, cos que pasou longas tempadas.
Rafael Lorenzo narrou tamén unha das experiencias máis gratas que viviu na súa carreira profesional cando entrou na baía de Baiona ao mando do portaavións “Príncipe de Asturias” para fondealo detrás do espigón por motivos de calado. Foi en 1993 dentro dos actos organizativos da conmemoración do V Centenario do Descubrimento de América na que estivo presente a súa Alteza Real o Príncipe Felipe.
Ao acto de entrega da Carabela de Ouro acudiron a súa esposa, fillos e netos, así como o alcalde, Ángel Rodal, membros da Corporación Municipal e os exrexedores Jesús Vázquez Almuiña, actual conselleiro de Sanidade, Benigno Rodríguez Quintas e Manuel Vilar.
“Levou por todos os mares do mundo a disciplina, o tesón, o traballo e o seu amor incondicional a Baiona, medio século en defensa do país e da nosa Vila, o que o fan merecedor da distinción”, dixo Ángel Rodal durante o seu discurso.
Almirante Rafael Lorenzo
Rafael Lorenzo Montero (Madrid, 1939). Foi Axudante de Campo de S.M. Rey Juan Carlos, xefe e profesor de Comunicacións na ETEA, secretario do Estado Maior da Armada, xefe de operacións do Exercicio Tramontana, contraalmirante xefe da División de Táctica do EMA, vicealmirante xefe do Arsenal de Ferrol, vicealmirante xefe do Estado Maior Conxunto (Jemacon) e director xeral de Política de Defensa (Digenpol), entre outros cargos.
Estivo embarcado no dragaminas “Odiel”, na 41ª Escuadrilla de Corbetas, no portaaeronaves “Dédalo”, na 3ª Escuadrilla de Helicópteros e o Estado Maior do Grupo Aeronaval, exerceu o Mando do Cazaminas “Guadalmedina”, na Fragata “Extremadura”, no portaavións “Príncipe de Asturias”, e foi contraalmirante no Grupo de Combate da Frota, e a Forza Marítima Europea (Euromarfor).
Estreitamente vinculado a Real Vila desde a súa xuventude, entre 1973 e 78 foi comodoro do Monte Real Club de Yates, entidade coa que colaborou impulsado competicións como as regatas Conde de Gondomar e Príncipe de Asturias, e reside en Baíña desde o ano 2003.