O investimento máis destacado entre os recibidos por Baiona ten por obxecto o financiamento dunha cita ineludible na vida cultural e turística da vila: a Festa da Arribada 2019, un total de 40.000 € cos que a Deputación “volve amosar a importancia desta institución para que os concellos poidan levar a cabo actividades que as sitúan no mapa”, asegurou a presidenta provincial, Carmela Silva, “como é o caso da Arribada que é ademais unha das Festas de Interese Turístico Internacional máis potentes da provincia de Pontevedra”.
Silva puxo en valor que “a importancia da Festa da Arribada, que acadou este recoñecemento a finais de 2015, radica non só nos seus retornos económicos senón na súa capacidade para tender pontes entre distintas culturas. Estas pontes impulsan que entre todas e todos creemos un mundo no que convivan a integración, o respecto ás diferenzas e a multiculturalidade”. Ademais, a Presidenta provincial lembrou que as Festas de Interese Turístico Nacional e Internacional, como é o caso da Arribada, “foron e seguen a ser obxecto de numerosas campañas de promoción desta Deputación nos últimos preto de 4 anos, chegando a ser un dos eixos que sustentaron a campaña de 2018 ‘Somos Historias’ a través do patrimonio inmaterial, e onde a Arribada tivo unha visibilidade indiscutible”.
O Goberno aprobou outros dous investimentos para Baiona: 10.174,83 € para o Mercado Antigo de Sabaris e 28.000 € para financiar a Cabalgata de Reis, ambos os dous na liña 2. Grazas a esta liña do Plan Concellos, que ten este ano un orzamento de 3,9 millóns de euros, os concellos da provincia poden facer fronte a gastos correntes, de amortización de débedas e tamén derivados da organización de actividades culturais, de formación ou turísticas.