Entre os cambios da XXIII edición da Arribada atópase a ampliación do Real Mercado Medieval coa inclusión das rúas Marqués de Quintanar e Carabela Pinta, formando unha liña perimetral de acceso ao recinto da festa na que se instalarán postos de artesanía e talleres lúdicos e educativos para os máis pequenos como os oficios antigos que atoparán na Alameda dos Aprendices. Así, poderán facer gravados de madeira, ourivaría, olería, repostería, escritura gótica, bordados e costura, tapices de época, lacrado…
Tras o éxito do ano pasado, volverá a instaurarse o sentido único de circulación para os peóns nas principais rúas do centro histórico. A medida, instaurada por primeira vez en 2017, ten por obxectivo facilitar a circulación aos viandantes para que sexa máis fluída e evitar aglomeracións innecesarias dentro do centro histórico. O percorrido estará pertinentemente sinalizado e ademais está incluído no folleto do programa.
A zona ‘playmobil’ medieval este ano cambia de localización para a rúa Carabela Pinta e amplía o seu recinto con castelos, piratas, bucaneiros, príncipes e princesas, damas e cabaleiros e multitude de figuras cos que xogar e facer voar a imaxinación dos infantes.
Ademais, a praia Concheira volverá acoller os paseos de Camelos e Dromedarios e a zona chamada ‘Terrario Exótico: O Centauro’, onde estarán o encantador de serpes, as tartarugas xigantes, a iguana, os guacamayos, os agapornis e os papagaios de cola vinagre. Tamén se poderá ver a Granxa Medieval, unha actividade lúdica e educativa para os nenos.
En canto ás exposicións temáticas, o recibidor do Concello acollerá a mostra ‘Castelos, os protectores de pedra’ mentres que a Capitanía Marítima de Baiona albergará ‘Inventos da idade media e creacións visionarias’.
Música e representación
Tamén haberá múltiples concertos como o de música antiga Favola d’ Argo, o da Banda de Música de Baiona, o grupo de gaitas A Seneira ou o grupo de música Celta Grimorios. Igualmente, farase un oco para a música precolombina coas demostracións dos ‘Sons dos instrumentos musicais da América Precolombina e obxectos sonoros de poder’ con Pablo Canalís, que transportarán aos espectadores ás tribos indíxenas.
Mención especial merece a representación da obra da ‘Arribada do Descubrimento’, obra escrita polo profesor e historiador Avelino Sierra e dirixida por Mónica Sueiro cun reparto importante de actores e figurantes coa dificultade que ten o feito de representala en directo no mesmo escenario que fai 525 anos. Todo isto e máis nun fin de semana que transportará a todos aqueles que veñan a Baiona ao medievo.