O alcalde, Javier Bas, reiterou unha vez máis que está “disposto a chegar a Madrid” coa reivindicación porque o seu obxectivo é conseguir que “o goberno socialista de Pedro Sánchez escoite aos redondelanos dunha vez por todas”.
O rexedor móstrase “ilusionado” por que a protesta teña éxito nas vindeiras semanas, aínda que prefire ser cauteloso porque “aínda queda moito traballo por facer”. A recollida de sinaturas prolongarase ata o vindeiro 6 de febreiro. Durante este tempo, os cidadáns que desexen participar na protesta poderán facelo tanto a través da internet como de xeito presencial.
Ademais, participan nesta iniciativa entidades da vila como a Asociación de Empresarios de Redondela e os distintos establecementos comerciais e hostaleiros. Tamén hai dispoñible unha folla de sinaturas en todos os edificios públicos do municipio.
Neste sentido, Bas sinala que a colaboración dos concellos de Soutomaior e Pazos de Borbén é “clave para o éxito” da reivindicación. Así mesmo, fai un chamamento ao resto de Concellos da provincia de Pontevedra ante “unha peaxe que non afecta só a Redondela, senón que afecta a toda a provincia”.
Bas destaca a importancia de “viralizar” este movemento na internet, especialmente nas redes sociais, onde xa está tendo “moi boa acollida por parte dos usuarios”. Aínda así, o rexedor quere lanzar unha mensaxe para motivar á participación dos redondelanos: “Non nos conformamos, por iso, pedimos aos veciños que compartan a protesta cos seus amigos e familiares porque toda a axuda é necesaria”.
Nos vindeiros días está previsto que o Concello organice a seguinte xornada de manifestación que, previsiblemente se desenvolverá cunha protesta en moto pola ponte de Rande.