O venres 3 de febreiro a institución provincial alertou do peche dos castelos de Sobroso e Soutomaior pola grave situación climatolóxica, e alertas vermella e laranxa na provincia, pero os danos maiores e razóns de seguridade implican que o de Soutomaior vai permanecer pechado ata que se poida determinar a súa apertura, unha vez se restableza a seguridade das persoas e que os danos ocasionados estean reparados.
O temporal afectou ao mobiliario e estruturas da finca, ademais de provocar a caída de numerosas árbores. Multitude de pólas fan o recinto intransitable, caso que se repite nas rutas de sendeirismo, cortadas pola caída de árbores no seu percorrido, así como outras pólas e copas se manteñen colgando con risco de caída. Ademais, foise a corrente eléctrica nas instalacións do Castelo e o temporal ocasionou danos na carpa que emprega a Pousada.
En concreto, na entrada da finca caeron dúas árbores que impedían o paso aos vehículos, esmagaron a varanda do muro e danaron dous cordóns do viñedo, en cuxa zona alta ademais caeu un eucalipto. Na parte baixa do parque caeu unha sobreira mediterránea centenaria, de máis de 20 metros de altura, que no seu derrubamento rompeu parte dunha camelia tamén de máis de 100 anos de antigüidade. Próximo a este, tamén se esborrallou un cedro, esnaquizando un dos bancos do parque. Outros dous cedros, no límite inferior do parque (limitando co aparcadoiro), afectaron a varias das maceiras da zona.
Tamén o invernadoiro sufriu importantes danos: o plástico atópase raxado e o obxecto que o recobre para darlle sombra foi arrancado. A estrada pola que se accede á capela tamén está cortada por mor da caída dun cedro, unha de cuxas pólas alcanzou ao moliño. Na parte do bosque hai unha grande cantidade de copas rotas e árbores arrancadas de raíz. As especies máis afectadas foron o ciprés, a acacia e o érbedo, malia que tamén foron derrubados algúns carballos, pinos e eucaliptos.