Como é habitual nestas actividades, que cada vez se celebran con máis frecuencia na nosa contorna, a cita consistirá nun percorrido polo monte con diversas probas de habilidade e enxeño ao longo do camiño e que os equipos participantes deberán superar para acadar o maior número de puntos posibles.
Os equipos teñen que estar formados por entre 6 e 12 membros e a cota de inscrición por persoa é de 5 euros. Pódese participar a partir dos 12 anos, aínda que os menores deberán ir sempre acompañados dalgún adulto e terán que presentar unha autorización firmada pola nai, pai ou titor legal.
O I Rastrexo de Cesantes consistirá nunha ruta circular de aproximadamente 11 quilómetros e dificultade media, con saída e chegada na sede do CCD Cesantes (Estrada Alto dos Tras). Dende a organización animan a participar nesta cita coa finalidade de pasar un bo rato cos amigos e en contacto coa natureza.
Aseguran que todas as persoas que poidan camiñar 11 quilómetros e teñan ganas de divertirse son máis que aptas para formar parte dun dos equipos. Precisamente para manter a igualdade de posibilidades entre todos os participantes a puntuación final será a suma dos puntos acadados en cada proba e o tempo empregado para completar o percorrido só se terá en conta en caso de empate entre dous equipos.
Ao final da ruta todos os participantes recibirán no CCD Cesantes un bocadillo e unha botella de auga. As instalacións non contan con vestiarios e duchas, pero si con baños a disposición dos equipos.
Os responsables destacan que unha das características principais da actividade é o contacto respectuoso coa natureza, e por este motivo penalizarán a aqueles equipos que non manteñan unha conducta adecuada neste sentido.
Inscrición
Para anotarse é preciso enviar un correo electrónico co nome do equipo e o número de participantes ao enderezo airinhosdesansimon@outlook.es, ao que a organización responderá coas instrucións para realizar o pago.
O evento é, xunto coas actividades da noite de San Xoán, unha das iniciativas do grupo de baile e gaitas Airiños de San Simón a favor do Festival Folk Illa de San Simón, que celebrará o 20 de xullo o seu décimo aniversario recuperando o seu escenario orixinal na praia de Cesantes.