22112019Vie
Última edición: Vie, 22 Nov 2019 6pm

tráfico

O Corredor do Morrazo pecha dous meses e a Xunta recomenda usar o transporte metropolitano

O corte levarase a cabo entre os quilómetros 0 e 6 do corredor, entre Rande e o enlace de Meira, dende o 2 de novembro ata o 23 de xaneiro, cunha reapertura no Nadal para evitar interferir na operación especial de tráfico

28 Octubre 2016 por
Valora este artículo
(1 Voto)
Vista aérea do Corredor do Morrazo. / Foto: Xunta Vista aérea do Corredor do Morrazo. / Foto: Xunta

O avance das obras da autovía do Morrazo obriga a pechar o tráfico nun treito do corredor para blindar a seguridade dos usuarios e operarios. Así, este corte levarase a cabo no tramo comprendido entre os quilómetros 0 e 6, entre Rande e o enlace de Meira, dende o día 2 de novembro ata o 23 de xaneiro, cunha reapertura no Nadal para evitar interferir na operación especial de tráfico deste período.

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda en funcións, Ethel Vázquez comunicou este venres esta medida nunha rolda de prensa na que estivo acompañada polo director da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), Francisco Menéndez; a secretaria da Delegación territorial da Xunta en Vigo, Yolanda Lesmes; e os alcaldes de Cangas e Moaña, Xosé Manuel Pazos e Leticia Santos.

Vázquez Mourelle explicou que os estudos e as inspeccións técnicas realizadas nas últimas semanas conclúen que é obrigado facer este peche continuo para poder realizar os traballos con garantías plenas para a seguridade viaria e dos traballadores que están a executar as obras. Neste sentido, subliñou a importancia de informar desta medida a través dos representantes municipais dos concellos afectados e traer propostas para tratar reducir as molestias ocasionadas aos cidadáns.

A responsable de Infraestruturas precisou que esta é a única alternativa de todas as analizadas coa que os técnicos ofrecen garantías de minimizar riscos e concentrar os traballos de maior entidade no menor tempo posible, reducíndose practicamente á metade o prazo de execución dos desmontes previstos.

Cronograma
Dende o Goberno galego salientan que é preciso pechar ao tráfico o primeiro treito do corredor, ata que o terreo estea totalmente estabilizado e ofreza plenas garantías de seguridade para usuarios e traballadores. Así, o cronograma establecido indica que o corte comeza logo da ponte de Santos e seguindo as recomendacións da Dirección Xeral de Tráfico e da Garda Civil, o treito permanecerá pechado á circulación na semana da ponte da Constitución, na que se continuará cos traballos. Cómpre precisar que se reabrirá no Nadal, entre os días 21 de decembro e 8 de xaneiro, ambos incluídos, e pasadas estas datas, o tramo permanecerá pechado ata o final do prazo previsto para o remate das voaduras máis importantes, o 23 de xaneiro.

A conselleira subliñou que o obxectivo é que os veciños desta comarca dispoñan canto antes dunha autovía libre de peaxe que vertebre toda a zona do Morrazo. Neste sentido, esta solución presentada hoxe permitirá que ao longo deste período de peche da circulación os traballos nos treitos 1 e 2 da autovía desenvolveranse de xeito continuo e a un ritmo moi intenso, con labores en domingos e festivos.

A alternativa posibilitará que nos vindeiros meses se incremente o ritmo dos traballos, polo tanto, no treito 1, levando a cabo actuacións simultáneas noutros tres noiros que presentan a mesma problemática e aproveitando para avanzar coas voaduras do tramo 2, coas que se comezará de maneira inmediata no noiro máis importante.

Reforzo da sinalización e desvíos
A Xunta reforzará a información aos cidadáns e a sinalización para ofrecerlle indicacións concretas e precisas aos usuarios sobre as alternativas de comunicación e os desvíos que poden tomar.

O Goberno galego presentoulles hoxe aos alcaldes un estudo que aborda as intersección con semáforos na estrada PO-551, entre o concello de Moaña e a ponte de Rande, e que propón posibles modificacións na regulación dos semáforos, ao obxecto de mellorar a circulación neste treito durante o tempo no que se prolongue o peche, xa que, previsiblemente, esta estrada vai rexistrar un incremento notable de vehículos. Trátase dunhas modificacións no tráfico da PO-551 que os concellos se comprometen a analizar canto antes, co fin de poder trasladarnos as súas consideracións e achegas.

A conselleira tamén lanzou unha mensaxe ao respecto das vantaxes da utilización do transporte público nesta comarca do Morrazo, tras a entrada do Plan de transporte metropolitano de Vigo, que abaratou considerablemente as comunicacións entre Vigo e os Concellos de Cangas e Moaña a través do autobús e do transporte marítimo de ría, e co que se conseguiría unha maior fluidez do tráfico.

Inicia sesión para enviar comentarios

gastronomía

ocio

navidad

  • Últimas noticias

  • Más leído

Comarcas

Sin eventos

Agenda

Sin eventos