Conde salientou o apoio da Xunta tanto no eido industrial como no do emprego poñendo en valor, entre outras medidas, o obradoiro que na actualidade se está a desenvolver no concello nas especialidades de albanelería e xardinería.
Os alumnos e alumnas que están a participar nesta iniciativa rehabilitarán a escola unitaria de Covelo en Atios e levarán a cabo a restauración medioambiental do centro de avistamento de aves das Gándaras. O titular de Economía salientou a importancia dos obradoiros de emprego que ademais de impulsar a formación de calidade fomentan, segundo salientou, a colaboración institucional, xa que se levan a cabo coa coordinación da Administración local.
O titular de Economía, así mesmo, resaltou o apoio da Xunta á mellora do polígono industrial de A Granxa a través da orde de axudas para a mellora dos parques empresariais. No eido industrial, ademais, analizáronse posibles formas para facilitar ás empresas o acceso ao solo, como as dúas iniciativas do Goberno galego para fomentar a venda de solo industrial a través de prezos bonificados e a posta a disposición dos emprendedores da posibilidade de adquirir solo industrial máis accesible mediante a concesión de parcelas baixo a fórmula de dereito de superficie.
Con respecto a Frigolouro, Conde trasladoulle á alcaldesa que a Consellería de Economía, Emprego e Industria, como Autoridade Laboral, xa está a actuar para velar polo cumprimento da lexislación vixente en materia laboral, seguindo cada unha das denuncias por parte da Inspección de Traballo. Conde indicou que a Consellería, polo tanto, está sendo vixiante no cumprimento da normativa co obxectivo de garantir os dereitos no eido laboral.