Na exposición de motivos, o BNG resalta que o 8 de marzo “é unha data internacional e referencial na loita pola igualdade dos dereitos máis fundamentais das mulleres e unha data para a lembranza dunha loita aínda vixente e pendente de acadar”.
A formación lembra o éxito acadado pola última mobilización feminista, que logrou paralizar o país coa “primeira folga de mulleres, coa que se denunciaban unha vez máis as desigualdades entre homes e mulleres no ámbito laboral, a violencia de xénero e todas as situacións de desigualdade e marxinación que impiden ás mulleres vivir libremente”.
Que no rueiro do Porriño haxa un espazo que leve o nome 8 de Marzo suporá pois unha homenaxe a “todas as mulleres –tamén no Porriño– que loitan diariamente en prol da igualdade, das mulleres anónimas que co seu traballo diario contribúen á construción dunha sociedade máis xusta e igualitaria, mais fala tamén por todas as que xa non poden estar entre nós e por todas as que virán e loitarán nun futuro”.