Agora a representación dos empregados insta a Xunta de Galicia a cumprir o seu compromiso de mediar na busca investimentos que garantan a viabilidade da compañía.
Segundo valorou o sindicato CIG, a “determinación e a unidade” amosada polos 234 traballadores de Maderas Iglesias na defensa dos seus empregos fixo que a dirección aceptase reducir a súa pretensión de aplicarlle un ERE extintivo a 150 deles, “cifra que tras as primeiras negociacións baixou ata as 80 e que finalmente quedou en 34”.
Ademais, tal e como explican dende o comité (CIG, CCOO e UGT), todas as baixas son voluntarias. O acordo produciuse no marco das “tensas negociacións” que se celebraron baixo a mediación da Inspección de Traballo. En total, tiveron lugar cinco xuntanzas dende que se presentou o ERE hai un mes, as dúas últimas baixo a supervisión da autoridade laboral.
Dende o comité agardan que a Xunta “saiba aproveitar” o acordo asinado entre os traballadores e a empresa, xa que entenden que se trata dun primeiro paso para que a compañía “poida ter futuro” e siga a ser “un referente” no sector.