O persoal lembra, como exemplo recente, o incumprimento das condicións pactadas tras o ERE de xuño deste ano pero cuxas indemnizacións aínda non foron abonadas. Tamén o calvario vivido tras oito anos de conxelación salarial, así como a demora continua e incumprimentos no pago de nóminas, das que a día de hoxe seguen pendentes a de agosto e a extra de xullo do ano vixente.
Piden, ademais, o respecto da Xunta á decisión tomada pola asemblea de traballadores, reivindicando que a administración se implique de xeito pleno na consecución de investidores de cara a lograr un futuro para a empresa.
Despois desta importante decisión, o persoal manifestouse este mércores desde os arredores da praza de España de Vigo (onde vive un dos donos) ata o edificio da Xunta, reafirmando a vixencia dos motivos que os levaron á folga.