Segundo informou este mércores a organización, en total, realizáronse 36 altas laborais, con contratacións por días, semanas ou mesmo un mes completo e distribuídos entre a coordinación das diferentes áreas do festival, a produción, o servizo de cátering e o persoal de barras. A maioría destas altas realizáronse a persoas de Cans, O Porriño e concellos limítrofes como Mos, Salceda ou Tui.
Así mesmo, a organización calcula que se xeraron máis de 60 empregos indirectos: 36 a través das empresas contratadas polo festival para o son, a iluminación, a seguridade e a mobilidade; e os restantes polas necesidades de reforzo durante os días de celebración do certame na hostalería local, sobre todo bares e restaurantes da propia aldea de Cans, e tamén hoteis e outros negocios deste ámbito.
O Festival de Cans procurou dende os seus comezos que a súa actividade repercutise na súa zona buscando profesionais e empresas provedoras a nivel local. Nesta edición contratou servizos cun total de 25 empresas (hoteis, bares, restaurantes, panadarías, imprentas, ferretería, asesoría, aseguradora ou servizo de taxi) e 19 autónomos do Porriño e arredores.
Ademais, contribuíu a que dende varias semanas antes do festival estivese cuberta a oferta hoteleira ao 100%, tanto de hoteis como de hostais. Non había habitacións libres en varios quilómetros á redonda, polo que numerosas persoas tiveron que buscar aloxamento en Tui, Ponteareas ou Vigo.
Tese de doutoramento sobre o impacto económico
O Festival colaborando con Fran Núñez, investigador da Universidade de Santiago de Compostela (USC), na elaboración da súa tese de doutoramento, centrada no impacto económico, social, cultural, artístico e comunicativo do Festival de Cans. Con este profundo estudio, que comezou hai xa máis de un ano, espérase obter datos económicos concretos e fiables con cifras aproximadas dese impacto económico. Para isto, durante os días de celebración do certame lograron realizarse máis de 2.000 enquisas a persoas asistentes, que servirán para analizar numerosos aspectos neste senso como o gasto medio que realizan en comida, transporte ou aloxamento.
A investigación pretende analizar polo miúdo a evolución do modelo de xestión do festival e o seu impacto económico directo, indirecto e inducido, como pequena industria cultural xeradora de riqueza e emprego. Este traballo está avalado pola Universidade de Santiago de Compostela e dirixido polo profesor Fuco Sangiao, do departamento de Economía.