O presidente do comité de Maderas Iglesias, Vicente Molares, da CIG, recibiu esta mensaxe por parte dos responsables da Xunta nunha xuntanza en Santiago de Compostela, onde os traballadores reafirmaron a súa posición de que “a empresa é viábel co actual número de empregados”.
Polo tanto, a representación sindical continúa a rexeitar o ERE extintivo para 140 das 249 compoñentes do cadro de persoal, expediente posto enriba da mesa por parte da dirección. “Pretenden, ademais, tal e como nos trasladaron na xuntanza deste pasado venres, pagar as indemnizacións por despido en 24 mensualidades”, critica Molares.
Ademais, dende a CIG-Construción lamentan que a Consellería “non coñecese a realidade da empresa, tal e como quedou claro polos datos que saíron a relucir durante a xuntanza”, a pesar de que hai varios meses que se aprobou por unanimidade no Parlamento unha proposición non de lei na que se alertaba sobre a situación da empresa e se instaba á Xunta a facer xestións.
Finalmente, dende o comité de empresa agardan que o departamento autonómico convoque proximamente unha nova xuntanza para informarlles das xestións realizadas “xa que cada vez queda menos tempo para intentar salvar a empresa”.