Trátase da persoa que ía ao volante do coche que provocou o atropelo e a nai deste mozo, de 33 anos, os dous veciños do Porriño. Este martes á noite ambos acudiron á sede da Policía Local, acompañados dun avogado, para ter coñecemento de que estaban en condición de investigados por este feito.
Tempo antes, en torno ás 15.00 horas e despois dunha “ardua investigación”, a Policía Local foi quen de localizar o vehículo implicado no suceso. Trátase de un Audi A3 que presenta un forte impacto no parabrisas e outros sinais do percance no frontal dereito. Ademais, faltáballe unha peza da carcasa do foco dianteiro dese lado. Precisamente foi esa peza de plástico, localizada polos axentes que acudiron nun primeiro intre a atender o suceso, a que permitiu encamiñar a investigación da Policía Local.
Tan só contaban coa testemuña dun peón que declarou que o coche implicado era gris pero non foi quen de dar descrición de marca e modelo. Grazas a peza atopada polos no lugar dos feitos puido establecerse marca, modelo e posible ano de fabricación. A partires de aí foi necesario rastrexar entre un milleiro de vehículos ata que localizar este martes o automóbil implicado no suceso. A concelleira de Seguridade, Lourdes Moure, salientou “o excelente traballo de investigación realizado pola Policía Local de O Porriño, que estaba a buscar unha agulla nun pallar despois de establecer diversas liñas de investigación que incluíron talleres de reparación, despezamentos e visionado de cámaras de seguridade preto do lugar dos feitos”.
O inspector xefe do corpo municipal mantivo informada da evolución da investigación á familia da vítima do atropelo.