As obras, que visitou este mércores o deputado de Cooperación, Santos Héctor, xunto ás deputadas Victoria Alonso e Iria Lamas, e o concelleiro de Deportes do Porriño, David Alonso, consisten principalmente na execución dun módulo cuberto cunha recta de seis rúas de 60 metros de lonxitude, onde tamén se instalará o equipamento para a práctica de salto de altura e lanzamento de disco, e unha pista descuberta de 200 metros.
Santos Héctor, que comezou a súa intervención desexando una pronta recuperación á alcaldesa Eva García de la Torre -que sufriu un accidente de tráfico e non puido estar presente no acto- subliñou que as instalacións deste novo equipamento deportivo e social “son extraordinarias” para a práctica do atletismo e, neste senso, indicou que os materiais que se están a empregar “son os mellores e máis novidosos”.
“Os veciños e veciñas, máis alá de onde vivan teñen dereito a ter instalacións dignas e no caso do Porriño sobre todo tendo en conta das que partiamos con medio foso ao lado do campo de fútbol, non eran para nada as que se merece un concello”, apuntou.
Pola súa banda, o concelleiro de Deportes do Porriño, David Alonso, corroborou que estas instalacións “son moi necesarias para todos os veciños e veciñas, sobre todo para as persoas que practican o atletismo, ou o tríatlon, que aquí ten un gran volume de licencias”. Subliñou tamén que a nova instalación permitirá “que os nenos e nenas pequenos practiquen a súa modalidade deportiva a cuberto”.
No mandato anterior, O Porriño recibiu máis de 7 millóns de euros da Deputación de Pontevedra, o maior investimento da institución provincial neste concello. Nos últimos catro anos, coa Liña 1 do Plan Concellos, a vila puido financiar un total de 23 obras por case 2,5 millóns de euros e, coa Liña 3 de Emprego, puido contratar a un total de 147 persoas desempregadas para traballar no concello.
Neste ano, ao abeiro do Plan Concellos, a Deputación inviste no Porriño 1.132.222 euros, un 3,22% máis que en 2018.