12122019Jue
Última edición: Mié, 11 Dic 2019 9pm

Tui acolle esta semana o Congreso Internacional Camiño Portugués de Santiago

Os participantes realizarán un tramo da ruta entre Iria Flavia e Faramello

11 Noviembre 2019 por
Valora este artículo
(0 votos)
Presentación do congreso, este luns. / Foto: Concello de Tui Presentación do congreso, este luns. / Foto: Concello de Tui

O salón de sesións da Casa do Concello de Tui acolle este xoves, 14 de novembro, a primeira xornada do III Congreso Internacional Camiño Portugués de Santiago: un patrimonio cultural para a nova Europa organizado polo Grupo Compostela de Universidades.  O venres celebrarase no auditorio da Cámara Municipal de Valença e o sábado os participantes realizarán un tramo do Camiño de Santiago entre Iria Flavia e Faramello en Santiago.

Este III Congreso Internacional foi presentado este luns na casa do concello de Tui por Enrique Cabaleiro, alcalde de Tui; Laureano Alonso, concelleiro de Patrimonio e Camiño de Santiago; Domingo González Lopo, responsable do Comité Científico do Congreso e María Teresa Carballeira Rivera, profesora de Dereito Administrativo na Universidade de Santiago de Compostela e secretaria executiva do Grupo Compostela de Universidades.

O alcalde, Enrique Cabaleiro, destacou o Camiño de Santiago coma un dos principais sinais de identidade tanto de Tui coma de Valença, polo que agradeceu ao grupo Compostela a celebración deste congreso na Eurocidade Tui-Valença. Referiuse amais aos retos e desafíos que presenta o Camiño de Santiago que deben ser abordados “dende a perspectiva dunha maior profesionalización e dende logo dun maior coñecemento” polo que considera que “todos cantos debates e traballos se fagan sobre esta cuestión son importantes”.  Referiuse aos desafíos que o Camiño ten en Tui como o “coidado, protección, sinalización e protección medioambiental” e indicou que a administración local, ante a carencia de recursos para facer fronte ás demandas de mellora que precisa esta vía de peregrinación, necesita da colaboración tanto da administración provincial coma da autonómica, e de coordinación con Portugal. Apostaba Enrique Cabaleiro por facer un Proxecto Estratéxico Común sobre o Camiño de Santiago.

Esta cita une dúas especialidades: a historia e o dereito. Así, entre os temas que se tratarán na parte xurídica destacou a xestión do patrimonio material e inmaterial, as medidas xurídicas que se poden artellar para a súa preservación, a vertente ambiental e paisaxística do  Camiño, o papel dos municipios na preservación e fomento deste patrimonio cultural, ou a regulación xurídica do Camiño en Portugal.

Domingo González Lopo destacou que dende o grupo Compostela consideraron que era interesante centrar este Congreso no Camiño Portugués, que que foi o Camiño que máis medrou porcentualmente no último ano, un feito que quixeron reflectir tamén neste Congreso. Destacaba que “estamos diante dunha reunión de carácter científico” da que agarda que saían unha serie de conclusión moi interesantes. Avanzou que o Congreso se estrutura en mesas redondas como “Descubrindo o Camiño Portugués no tempo” e “O Camiño Portugués: un itinerario cultural de especial interese e conservación” que terán lugar tarde no xoves en Tui, ou “O Camiño de Santiago e a traza histórica portuguesa”, “O tratamento xurídico do patrimonio inmaterial nos itinerarios culturais” e “Os actores do Camiño Portugués: peregrinos e asociacións de amigos” que o venres pola mañá se celebrarán en Valença.

O Congreso conta con doce persoas bolseiras que chegarán de Sevilla, Salamanca, México, Péru, León e Santiago, que durante os dous días do Congreso elaborarán diversos proxectos sobre o Camiño de Santiago.

O xoves á última da tarde haberá unha visita cultural “Os vestixios do Camiño na cidade de Tui” a cargo de Franscisco Javier Novo Sánchez, doutor en Historia da Arte pola USC, e o venres á tarde á cidade de Valença a cargo de Isilda Salvador do Núcleo Museolóxico de Valença.  Xa o sábado pola mañá os participantes realizarán un tramo de 9 quilómetros do Camiño de Santiago entre Iria Flavia e Faramello.

O prazo de inscrición para asistir a este Congreso Internacional está aberto até este mércores, 13 de novembro, en gcompostela.org.

Programa

Xoves, 14 de novembro de 2019, no Salón de Sesións do Concello de Tui

  • Ás 16:30 Inauguración a cargo de representantes do Concello de Tui e da Cátedra do Camiño de Santiago e das Peregrinación de la USC, do Grupo Compostela de Universidades, da Càtedra d’Estudis Jurídics Locals Màrius Viadel i Martín de la Universitat Rovira i Virgili
  • Ás 17.00 h Mesa Redonda “Descubrindo o Camiño Portugués no tempo
    • Modera Prof. Dr. D. Miguel Taín Guzmán
    • Interveñen
      • Dr. D. Domingo González Lopo, titular de Historia Moderna da USC
      • D. Antón Pombo, doutor en Historia Contemporánea pola USC
    • Ás 18.00 h Mesa Redonda “O Camiño Portugués: un itinerario cultural de especial interese e conservación
      • Modera Prof. Dr. D. Domingo González Lopo
      • Interveñen
        • Dr. D. Rafael Sánchez Bargiela, técnico do Museo, Biblioteca e Arquivo do Concello de Tui
        • Arlindo Cunha Ribeiro de Magalhães, presidente da Comunidade da Serra do Pilar
      • Ás 19.30 h Visita cultural “Os vestixios do Camiño na cidade de Tui” guiada por Francisco Javier Novo Sánchez, doutor en Historia da Arte pola USC

Venres, 15 de novembro, no Auditorio da Cámara Municipal de Valença

  • Ás 9.00 h Benvida das autoridades
  • Ás 9.15 h Ponencias “O Camiño de Santiago e a traza histórica portuguesa
    • Presenta: José Temporão Monte, vereador de Cultura e Turismo de Valença
    • Interveñen
      • Dr. D. Pedro Ricardo Coelho de Azevedo, doutorando da Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro
      • ª Dr.ª D.ª Mª Pilar Alonso Abad, titular de Historia da Arte da Universidade de Burgos
    • Ás 10:15 h Mesa Redonda “O tratamento xurídico do patrimonio inmaterial nos itinerarios culturais”
      • Modera Prof.ª Dr.ª D.ª Mª Teresa Carballeira Rivera
      • Interveñen
        • Dr. D. Jesús Prieto de Pedro, catedrático de Dereito Administrativo da Universidade Española de Educación a Distancia
      • Dr. D. Javier Barcelona Llop, catedrático de Dereito Administrativo da Universidade de Cantabria
  • Ás 11.45 h Mesa redonda “Os sendeiros do Camiño: protección e promoción polas administracións públicas
    • Modera Prof. Dr. D. Josep Ramon Fuentes i Gasó
    • Interveñen
      • ª Dr.ª D.ª Eva Nieto Garrido, catedrática de Dereitoo Administrativo da Universidade de Castela – A Mancha
      • ª Dr.ª D.ª María-Luiza Hrestic, asociada de Dereito da Unión Europea da Universidade de Târgovi?te
      • Dr. D. Pedro Madeira Froufe, asociado de Dereito público da Universidade do Minho
    • Ás 13.00 h Mesa Redonda “Os actores do Camiño Portugués: peregrinos e asociacións de amigos
      • Modera Prof. Dr. D. Miguel Taín Guzmán
      • Interveñen
        • Isaías Calvo de la Uz. director de Administración e Relaciones coas Asociacións de Amigos do Camino de Santiago da SA de Xestión do Plan Xacobeo
        • José de la Riera, fundador e expresidente da Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago (AGACS), fundador e actual vocal de comunicación da Fraternidade Internacional do Camiño de Santiago (FICS)
        • Isilda Salvador. museóloga da Cámara Municipal de Valença
      • Ás 16:45 Visita cultural a Valença

Sábado, 16 de novembro de 2019

  • Ás 9.00 h visita á Igrexa da Escravitude en Padrón
  • Ás 9.30 h Percorrido do Camiño Portugués no tramo A Escravitude – Faramello
  • Ás 12.00 h Visita ao Pazo de Faramello
  • Ás 14.00 h Presentación de comunicacións, conclusións e clausura do Congreso
Inicia sesión para enviar comentarios

medio ambiente

televisión

  • Últimas noticias

  • Más leído

Comarcas

Sin eventos

Agenda

Sin eventos