19102019Sáb
Última edición: Vie, 18 Oct 2019 8pm

O Encontro de Embarcacións Tradicionais na Guarda iniciouse co izado de velas

Autoridades, organizadores, veciños e visitantes gozaron dun percorrido polo recinto feiral e un paseo a bordo dunha das embarcacións

11 Julio 2019 por
Valora este artículo
(0 votos)
Acto de inauguración na Guarda. Acto de inauguración na Guarda.

A peculiar situación xeográfica da Guarda marcou o acto de inauguración do XIV Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia na tarde noite de hoxe, xa que desde calquera punto do porto, os centos de veciños e visitantes puideron gozar dunha magnífica estampa: a das naves que participaron no evento fondeadas en forma de arco na bocana da dársena, onde, como tantas outros barcos ao longo da historia, atoparon un amable e seguro abrigo.

Aínda que a inauguración oficial non empezaba ata as oito da tarde, as autoridades foron convocadas pola organización dúas horas antes para unha visita guiada ao recinto expositivo e unha travesía a bordo dunha das embarcacións participantes. O alcalde da Guarda e os presidentes de Culturmar e Piueiro acompañaron na visita á conselleira do Mar, Rosa Quintana, e aos deputados Carlos López Font, Ana Laura Iglesias e Iria Lamas, así como á directora xeral de Patrimonio, María del Carmen Martínez, representantes todos das institucións que fixeron posible que o Encontro deste ano inclúa numerosas actividades lúdicas e culturais para todas as idades.

Da importancia da festa como elemento dinamizador e divulgador do patrimonio marítimo e fluvial de Galicia falou na súa intervención o presidente de Culturmar, Manuel García Sendón. Pola súa banda, Joaquín Cadilla, presidente da Asociación Piueiro, emocionouse ao agradecer a voluntarios e veciños o enorme esforzo realizado nas últimas semanas para que a edición deste ano na Guarda sexa inesquecible para todos os participantes.

General barcos

A directora xeral de Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez, destacou o importante patrimonio marítimo e cultural que ofrece A Guarda e toda Galicia, e agradeceu a Culturmar súa defensa e salvagarda a través do estudo e difusión á sociedade con eventos como o inaugurado hoxe. Neste sentido, lembrou que a Consellería de Cultura e Turismo realizou unha importante achega económica para a celebración do Encontro.

O deputado da Deputación de Pontevedra, Carlos López Font, destacou o evento como modelo de turismo sustentable: “Para a Deputación de Pontevedra, a conservación e impulso do noso patrimonio cultural e natural é unha das apostas fundamentais e, neste campo, a cultura marítima e as embarcacións máis singulares de Galicia, como as que temos hoxe aquí, son realmente importantes para conseguilo. E, non só iso. Esta iniciativa cultural tamén é, sen dúbida, un gran elemento de atracción turística á nosa provincia".

Font subliñou o feito de que o evento "fomenta un turismo sustentable e de coidado co medio ambiente que, como saben, é un dos eixos principais que enfrontaremos nesta nova lexislatura na Deputación de Pontevedra, e polo que traballamos a diario. Esta é unha oportunidade excelente para dar a coñecer as marabillas da nosa provincia e desta vila da Guarda", concluíu.

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, falou na súa intervención do plan de acción da Xunta: "En Galicia desfrutamos da importante presenza de elementos patrimoniais e etnográficos ligados ao ámbito marítimo-pesqueiro, un patrimonio que é preciso conservar. Por iso, estase a integrar nun plan de acción único da Xunta con catro obxectivos: recompilar a presenza dos elementos culturais, patrimoniais e etnográficos, analizar o seu estado de conservación, promover a súa protección e consolidación e atopar a fórmula de financiación adecuada para o seu desenvolvemento".

Esta iniciativa, continuou, "complementará a declaración como ben de interese cultural do patrimonio cultural inmaterial de Galicia das técnicas construtivas da carpintería de ribeira, que protexe o Decreto 52/2019, de 9 de maio. É a materialización do compromiso social e profundo de Galicia por defender todas as manifestacións, materiais e inmateriais, da cultura vencelladas ao mar, aos ríos e aos valores naturais de Galicia".

E por último, o alcalde da Guarda, Antonio Lomba, destacou os valores da villa e dos propios guardeses: "A Guarda é unha vila deleitada no mar bravo, aberto. Unha vila que nace e vive ao carón do mar. Durante toda a nnosa historia, inclusive cando os nosos antepasados castrexos habitaban o alto de Santa Trega, vivimos unha relación íntima co mar, aproveitando os seus recursos e xerando arredor desta relación unha gran riqueza patrimonial, material e inmaterial. Unha pequena mostra dela podémola ver exposta no Museo do Mar, admirámola non fai moito tempo nas distintas Mostras das Tradicións Mariñeiras e en distintas iniciativas de recuperación do patrimonio que realizamos na vila".
Lomba sinalou que "nestes días coa vila engalanada con retazos do noso  patrimonio, co volanteiro no muelle alto e sendo o epicentro da cultura marítima Galega con este Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, os veciños e veciñas da Guarda estámos volcados e ilusionados con este evento de valorización e promoción do patrimonio marítimo".

O alcalde tamén agradeceu o enorme labor feito por Culturmar e pola Asociación Piueiro, agardando que esta edición "sexa todo un éxito en todolos aspectos".

general acto

Tras os discursos, a foto de familia deste ano foi igual de singular que a vila que acolle o Encontro. Autoridades e organizadores pousaron no porto cun fondo de embarcacións coas bandeiras izadas para marcar o inicio da festa.

Xa pola noite, os asistentes difrutaron co concerto do cantautor guardés Tino Baz, que estreou un disco de homenaxe a Rosalía de Castro: "Se cantan, é ti que cantas". Baz, recoñecido mestre de gaita e pandeireta, conta cun amplo repertorio, froito das súas propias creacións e de particulares adaptacións de pezas populares, así como da musicalización de poesías de Rosalía, Celso Emilio Ferreiro, Manuel María ou Bernardino Graña. O artista, que triunfou na primeira noite do Encontro, cantou varios temas co acompañamento de "Cantares do Brueiro", un grupo formado por 35 persoas de todas as idades que xurdiu dun taller de música tradicional galega que dirixe o propio autor. Sen dúbida, un broche de ouro para a primeira xornada do Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia.

Este venres as actividades comezarán á primeira hora coa navegación inclusiva de "Ou mar para tod@ s" e continuarán coa presentación de " As marcas dos mariñeiros da Guarda", un concerto a cargo de Deixa Andar, e un festival músico-poético galego-portugués, entre outras moitas actividades.

Inicia sesión para enviar comentarios

sucesos

economía

economía

  • Últimas noticias

  • Más leído

Comarcas

Sin eventos

Agenda

Sin eventos