16122019Lun
Última edición: Dom, 15 Dic 2019 11pm

“O reloxo segue parado nas 16:23”

Cúmprense tres meses da explosión de Tui e os afectados denuncian que moitos veciños teñen que renunciar ás axudas por problemas con Facenda

24 Agosto 2018 por
Valora este artículo
(0 votos)
Concentración na zona cero. / Foto: Axuda Paramos Concentración na zona cero. / Foto: Axuda Paramos

Cando acaban de cumprirse tres meses da explosión que cambiou a vida dos veciños de Paramos e Guillarei, os afectados seguen a denunciar o desamparo que sofren por parte das administracións públicas. Esta semana anunciaron a convocatoria dunha manifestación, que se desenvolverá o domingo. Ademais, coincidindo con esa efeméride, concentráronse para explicar os detalles da súa situación. Este é o manifesto que leron para dar a coñecer o que está a acontecer:

"Xa pasaron tres meses. Tres meses de medos, angustias e incertezas para todos os veciños que nos concentramos hoxe aquí e para moitos outros que non puideron acompañarnos. Tres meses foi tamén o tempo que, como asociación, nos custou conseguir axuda psicolóxica no Centro de Saúde de Tui. Algo que consideramos que debería ofrecerse de forma inmediata a calquera afectado por unha catástrofe, a nós levounos tres meses conseguilo.

Pero non desistimos, igual que non desistiremos de levantar cada pedra das que agora nos rodean e de que polo barrio da Torre volvan a pasear os nenos en bicicleta. Por iso seguimos unidos nesta loita e nos reunimos hoxe aquí: queremos recordarlle a todos que para nós o reloxo segue parado nas 16:23 e que aínda necesitamos moita axuda para que ese reloxo volva a andar. Non queremos caer no esquecemento porque aquí aínda está todo por facer.

Temos axudas económicas, si, pero son insuficientes para quen quedou sen casa, sen recordos, sen nada. E para o ano teremos que devolver na declaración da renda auténticas barbaridades... Queremos que todos saiban da nosa precaria situación: moitos veciños renuncian ás axudas ás que teñen dereito por non ser quen de afrontar tales pagos, e moitos outros poderían perdelo todo se non o conseguen e o Estado os embarga. Tamén hai casos de xubilados con pensións non contributivas que as van perder, ou pensións con complemento a mínimos que perderían tales complementos. E non o podemos permitir!

Esiximos un compromiso firme de exención fiscal para os beneficiarios de axudas e con carácter urxente, porque os prazos para solicitalas estanse acabando. Pedímoslle aos políticos que abran unha excepción e traballen en agosto, que nós aquí tampouco temos vacacións!

Á Xunta queremos pedirlles que cumpran cos compromisos que adquiriron nas diversas reunións que mantivemos con eles, pois os veciños de Paramos e Guillarei precisamos dun pouco de tranquilidade.

Ao Concello de Tui, pedímoslle que axilice os trámites urbanísticos, que compoña a totalidade do equipo de traballo necesario para recuperar a zona e que siga presionando nos estamentos máis altos para lograr máis fondos e o tan necesario desentullo.

Á Deputación de Pontevedra correspóndelle elaborar o prometido convenio co Colexio de Arquitectos e ademais, pensamos nós, achegar fondos específicos para recuperar esta zona. Deste ente gobernamental non estamos recibindo máis que negativas en canto ao respaldo económico.

Non obstante, o principal foco de atención queremos polo en Madrid, no goberno central: a declaración de “zona gravemente afectada por unha emerxencia de protección civil” é vital para nós e solucionaría moitos dos problemas aos que nos enfrontamos, como por exemplo, a exención fiscal para as axudas. Dinnos que non hai encaixe legal, por non tratarse esta dunha catástrofe natural, e nós dicímoslles que son eles os que deben buscar ese encaixe. Seguiremos pedíndoo ata conseguilo.

Desde aquí, agradecemos unha vez máis o apoio mostrado e toda a solidariedade, e aproveitamos para facer un chamamento a toda a cidadanía para que nos acompañe o próximo domingo, día 26 ás 12:00 horas, na grande manifestación coa que percorreremos as rúas de Tui novamente. Non queremos caer no esquecemento. Demostrarémoslle ao mundo que as trabas nos fan máis fortes e que non nos renderemos ata que todos os veciños recuperen as súas vidas. Grazas!"

Inicia sesión para enviar comentarios

comarcas

medio ambiente

marítima

  • Últimas noticias

  • Más leído

Comarcas

Sin eventos

Agenda

Sin eventos