24102017Mar
Última edición: Lun, 23 Oct 2017 8pm

Vigo e o Celta xa pasean o seu nome por A Guarda

A cidade olívica e o club vigués rebautizan dúas rúas da vila do Baixo Miño. O alcalde, Abel Caballero, e o presidente, Carlos Mouriño, descobreron as placas este venres

11 Agosto 2017 por
O propietario do Celta, Carlos Mouriño, descobre a placa da Rúa do Celta en presenza do alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o rexedor de A Guarda, Antonio Lomba. / Fotos: Xornal Vigo e Concello de A Guarda. Vídeo: Celta Media O propietario do Celta, Carlos Mouriño, descobre a placa da Rúa do Celta en presenza do alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o rexedor de A Guarda, Antonio Lomba. / Fotos: Xornal Vigo e Concello de A Guarda. Vídeo: Celta Media

Vigo e o Celta poden ter diferencias que os separen na cidade olívica pero desde este venres están moi unidos en A Guarda. Na vila do Baixo Miño locen xa os carteis da Rúa de Vigo e a Rúa do Celta, despois da inauguración levada a cabo coa presenza dos alcaldes Abel Caballero e Antonio Lomba e o propietario do club, Carlos Mouriño.

O son da gaita e o baile tradicional acompañaron o acto, no que o rexedor vigués quixo agradecer o “xesto de amizade” por parte da vila guardesa, da que confesou sentirse moi próximo. “Un dos meus primeiros recordos é aquí, na praia, cos meus país intentando que me metera na auga”, confesou Caballero, ao explicar que, cando era un neno, esta era a localidade escollida pola súa familia para pasar o verán.

Referíndose ao estreito vínculo que une a ambas localidades, Antonio Lomba asegurou que o nomeamento da nova rúa resolve unha débeda pendente co veciño vigués. “A Guarda é a nosa vila, pero Vigo é a nosa cidade”, afirmou.

Descuberta esta placa, o acto trasladouse á nova Rúa do Celta, onde Mouriño confesou que o recoñecemento “é un orgullo, unha satisfacción e un compromiso, que nos obriga a estar máis pendentes de todo o que pasa ao noso redor e coa nosa afección”.

“O Celta non leva só o nome de Vigo”, asegurou o presidente celeste, senón tamén o de moitas outras localidades que, como a guardesa, contan cunha afección “grande e ruidosa”, engadiu Antonio Lomba.

A nova rúa Vigo substitúe á Primeira e Segunda Transversal Bechos, mentres que a Rúa do Celta rebautiza a Terceira Transversal Bechos.

Ampla representación
O ex-xogador Vladimir Gudelj e os futbolistas Sergio Álvarez e Nemanja Radoja uníronse á celebración e atenderon á afección. Decenas de persoas agardaban na nova rúa do Celta con balóns e camisetas celestes para poder facerse cun autógrafo dos futbolistas, que cumpriron de boa gana as demandas de pequenos e maiores.

Namentres, Carlos Mouriño aproveitou para coñecer a exposición ‘Arte do adentro’ do colectivo SomosArte, que estes días se expón no Centro Cultural da Guarda.

Na inauguración tamén estiveron presentes o presidente da Peña Celtista do Baixo Miño, José Carlos Rodríguez, o concelleiro de Deportes vigués, Manel Fernández, o primeiro tenente de alcalde da Guarda, Miguel Español, e outros membros da corporación local.

Escribir un comentario


Código de seguridad
Refescar

incendios forestales

entrevista: greenpeace

vigo

  • Últimas noticias

  • Más leído

Comarcas

Sin eventos

Agenda

Sin eventos