O 14 de maio, tras obter a autorización de Patrimonio, a institución provincial comezará a consolidación e restauración de 2.642 metros cadrados no barrio Mergelina do xacemento de Santa Trega. Neste caso, o orzamento é de 367.719 euros.
A restauración e consolidación do xacemento guardés estenderase durante cinco meses e unha semana e será executada por Terra Arqueos baixo a coordinación de Rafael Rodríguez, o arqueólogo da Deputación que dirixiu a intervención realizada no Trega entre setembro de 2015 e abril de 2016. Unha vez rematada a actuación será o Ministerio de Fomento quen entre no castro para levar a cabo o proxecto de musealización.
Durante a fase de escavación do barrio Mergelina do Trega puidose constatar que o castro foi ocupado antes do que se pensaba, desde o século IV A.C. Tamén saíron á luz 43 novas estruturas arquitectónicas que compoñen 11 unidades familiares e ata 43.833 pezas.
Esta actuación está a ter unha grande proxección internacional. Este martes, un día despois do inicio dos traballos, xornalistas da cadea norteamericana ABC estarán na Guarda para gravar unha reportaxe do xacemento no marco do programa ‘Ocean Treks’, que se emite en todos os Estados Unidos.
Pola súa banda, no castro do Facho de Donón, en Cangas, e tras acadar a autorización de Patrimonio, os traballos comezarán o martes 22 de maio e se estenderán durante seis meses. Neste caso, a intervención comprende 1.300 metros cadrados, na croa do xacemento e na zona actualmente visible do mesmo, onde se recuperarán as estruturas e se rematará de escavar aquelas que non se finalizaron en campañas anteriores.
O obxectivo é completar os datos científicos existentes sobre o xacemento e crear unha área arqueolóxica homoxénea restaurada para o seu aproveitamento turístico por parte das persoas visitantes.
O orzamento previsto para esta actuación é de 257.462,80 euros e os traballos serán executados por persoal da Deputación de Pontevedra baixo a dirección do arqueólogo Diego Piay. Tras o remate da actuación, de novo será o Ministerio de Fomento quen lle tome o relevo á Deputación co inicio da musealización do xacemento.