Ademais, o equipo de doce efectivos que forman parte do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) da Guarda participa activamente ao longo do ano en simulacros de emerxencias xunto con outros equipos de emerxencias como o helicóptero Pesca 1 do servizo de Gardacostas e tamén realiza charlas e xornadas de emerxencias en diferentes centros educativos do Concello da Guarda, participación en eventos acuáticos coma travesías a nado, entre outros.
Na actualidade unha das intervencións que máis se demandan pola poboación son as que teñen que ver coa retirada de niños de avespa velutina nas proximidades das vivendas, dando prioridade aos que se rexistran nos núcleos urbanos e zonas habitadas, realizando case a total retirada dos que dos que se teñen coñecemento no municipio.
Neste período de actuación destacaron os incendios forestais, que causaron graves danos na comarca e onde o GES interveu nos catro concellos aos que da cobertura (A Guarda, Tomiño, O Rosal e Oia) e ademais colaborou co GES do Valmiñor nos incendios rexistrados en outubro do ano pasado en Baiona e Gondomar.
Na explosión rexistrada en maio no almacén clandestino de elementos de pirotecnia en Tui, o GES da Guarda foi solicitado polo CAE 112-Galicia para colaborar na intervención, que se realizou de forma conxunta con outros grupos operativos mobilizados na zona.
Equipamento
O Concello da Guarda, a través da Concellería de Emerxencias, ven de investir neste período máis de 8000 euros en Equipos de Protección Individual (EPI) e material variado para o GES, centrando estas inversións en material que repercuta na seguridade dos seus efectivos e nas prestacións dun servizo de calidade nas súas intervencións, coma guantes especiais, equipos ignífugos, protectores térmicos, luminarias, traxes, etc.
Proximamente contarán cun equipo de comunicacións intracraneal, que lles permitirá comunicarse entre os efectivos desprazados a unha intervención, facilitando unha mellor coordinación entre eles en situacións de emerxencias.