Con este contrato poderanse realizar obras que permitirán consolidar todos os achados de estruturas e pezas neste castro e garantir que este proxecto se poida seguir completando dentro dos prazos previstos.
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, lembrou “a importancia do que aconteceu durante as escavacións en Santa Trega, que se realizaron nunha área de 2.000 metros cadrados”. Santa Trega está “considerada como a primeira cidade”, a maior aglomeración de persoas en toda a provincia, antes que en Lugo, Braga ou Astorga na época romana.
“Ata antes destes traballos pensábase que o castro estivera ocupado entre o século I a.C. ata o I d.C., pero as probas de Carbono 14 realizadas agora veñen a confirmar que a ocupación se iniciou antes do século IV a.C., incluso vestixios indican que puido ter lugar no século VIII a.C.”, sinalou Silva.
Así, atendendo aos diferentes criterios establecidos para a avaliación das propostas presentadas, finalmente foi UTE Consalpa-Terra Arqueos a adxudicataria do contrato de consolidación. O contrato terá un valor de 367.719,00 euros e a duración será de nove meses.