A Concellería de Medio Ambiente da Guarda ven de instalar novos puntos de recollida de aceite de cociña usado dentro dunha campaña para evitar que este tipo de aceites, altamente contaminantes, se vertan a rede de saneamento, contribuíndo ao medio ambiente e favorecendo a reciclaxe destes materiais para xerar biodiesel, facendo fincapé na economía circular.
Os novos puntos de recollida atópanse en diferentes espazos públicos do municipio en illas ecolóxicas onde tamén se sitúan contedores de lixo orgánico, cartón, vidrio ou plásticos.
Un litro de aceite de cociña pode contaminar ata mil litros de auga, a súa acumulación en desaugadoiros e tuberias facilita a obstrución de condutos e a proliferación de colonias de roedores, tanto nos condutos privados coma públicos.
Os aceites vexetais usados que chegan aos ríos, acumúlanse na superficie e impiden o paso da luz solar e do osíxeno, aumentando a mortaldade da flora e da fauna acuática.
O Concello da Guarda ven de incrementar notablemente a recollida de aceites usados, pasando de 3.430 litros recollidos no ano 2014 a 4.325 litros no ano 2016 e tendo unha previsión para rematar o presente ano 2018 cun dato preto aos 5500 litros, só de uso doméstico, un dato que non sería posible sen a colaboración dos veciños, o que implicou este incremento de puntos de recollida.
Compostaxe
Por outra banda, o Concello da Guarda ven de adherirse un ano máis á Campaña promovida dende Sogama e a Xunta de Galicia para facilitar a compostaxe doméstica cunha nova entrega de 50 composteiros individuais entre a poboación.
Entre o ano 2014 e 2017 o Concello da Guarda ten entregado xa máis de 170 composteiros individuais o que fai neste ano 2018 un total de 220 composteiros.
Cada galego produce unha media de 1.05 quilos de residuos ao día, na Guarda é un 0.780 quilos ao día, dos cales máis do 40% do lixo que se xera nos fogares é materia orgánica, cuxo destino habitual son os contedores verdes convencionais. Neste intre o Concello da Guarda está moi por riba da media en canto a reciclaxe, sendo un dos concellos que máis recicla de toda Galicia, froito do traballo de concienciación realizado dende a Concellería de Medio Ambiente e a implicación dos veciños e veciñas da vila.