Manuel Benito recibiu con sorpresa aos representantes municipais, acompañado dos seus familiares e agradeceu a súa visita, onde aproveitou para falar co alcalde da súa participación na Guerra Civil e algunha anécdota sobre a súa relación co concello coma Policía Municipal, repasando os nomes dos diferentes alcaldes e alcaldesas que pasaron pola Guarda nos pasados anos. Manuel Benito conserva unha memoria de ferro, e así o demostrou durante esta visita, aportando moitos datos de interese.
Segundo explicou a súa familia, Manuel Benito goza de boa saúde, aínda que ten problemas de mobilidade e visuais, compartindo o seu día a día coa familia e a súa muller de 95 anos de idade.
A representación Municipal entregoulle unha placa conmemorativa, así como un ramo de flores e unha tarta, e desexaron poder volver visitalo para darlle os parabéns nos próximos anos.