O alcalde de Vigo, Abel Caballero, participou este luns na presentación na Casa Galega da Cultura de «Cinema e Muller», unha iniciativa da Deputación de Pontevedra para visibilizar o cine feito por mulleres polo 8 de marzo, o Día Internacional da Muller, a través de proxeccións, charlas e da creación dun filme a partir de dez curtas dirixidas por cineastas da provincia.
Caballero referiuse á elección da viguesa Casa Galega da Cultura para a presenación, sede onde «se xunta a tradición da democracia e a muller que ocupa o seu espazo». O alcalde salientou que «é moito máis cunha mostra, é unha experiencia vital que ten que marcar o seu propio destino» e valorou «a maravillosa visión do proxecto e a visión de Carmela Silva, lanzándoo e poñéndoo en vida».
O alcalde engadiu que «Vigo vai vivir a experiencia» ofrecida por «Cinema e Muller», felicitou ás creadoras por este «proxecto maravilloso» e manifestou sentirse «enormemente orgulloso de estar sentado nesta mesa», xunto ás cineastas e a presidenta provincial, impulsoras do programa.
Pola súa banda, a presidenta da Deputación e primeira tenente de alcalde do Concello de Vigo, Carmela Silva, asegurou que «queremos que todos os días sexan o 8 de marzo» e esta «idea extraordinaria» de promover o cine «feito por mulleres» resultou nun «produto de altísima calidade». «Desde a Deputación e desde o Concello», afirmou, «tivemos sempre moi claro que o gran obxectivo é visibilizar todas as actividades onde as mulleres estamos presentes, pero se hai unha con enorme potencia é todo o que ten que ver coa cultura, coa cinematografía».
Silva amosou un «enorme orgullo» por formar parte de «Cinema e Muller», eloxiou a «sensibilidade e o gran nivel» das creacións e comprometeuse a levalas ao resto de Galicia e de España. A presidenta animou á cidadanía a presenciar as mostras de cine, as charlas e a estrea do filme colaborativo, tras o que agradeceu a todas as cineastas o seu traballo: «este proxecto non ten límites porque nós non temos límites», concluíu Silva.
Cinema e Muller
A proposta programa un filme colaborativo duns 45 minutos composto pola suma de dez microcurtas de temática de xénero dirixidas por outras tantas cineastas da provincia e inclúe un ciclo de charlas e proxeccións sobre mulleres, cine e feminismo. A estrea do filme será o mércores, 16 de marzo, ás 20:30 horas no Auditorio Municipal do Concello, presentándose ao día seguinte no auditorio do Museo de Pontevedra.
Editarase tamén un DVD cun folleto explicativo que se divulgará por mostras e festivais, ademais de ser remitido a institucións, colectivos, centros educativos, bibliotecas públicas e asociacións que o soliciten.
Ademais, están previstas sendas mostras de cine en Pontevedra (11 e 12 de marzo) e en Vigo (14 e 15 de marzo, no Auditorio do Concello). Este proxecto complétase cun ciclo de charlas, o 17 e o 18 de marzo, de 10:30 a 14 horas, no Museo de Arte Contemporánea de Vigo. Cada sesión contará con tres charlas de especialistas e debate, para concluir coa proxección da película colaborativa. Trátase de facer unha aproximación teórica ao tempo que se proxectan traballos de cineastas da provincia. O ciclo de charlas pecharase cunha festa de mulleres creadoras, con proxeccións e sesións de música e audiovisuais, o venres 18 de marzo ás 21 horas, no entorno da Colexiata de Vigo.