Esta solicitude especial foi tramitada trala lesión que sufriu o reno Rudolph a semana pasada e que lle impide cargar con pesos por prescrición médica alomenos ata o día de Nadal. Tal e como contempla a Lei de Benestar Animal e para evitarlle sobreesforzos ao reno, Papá Noel pediu axuda para comezar a transportar os xoguetes máis grandes. A idea, apuntou, “e ir téndoos todos xuntos a punto para cando lle dean a alta a Rudolph -previsiblemente este domingo- de xeito que se poida atopar en plenas facultades para o reparto desa noite”.
Tras analizar a viabilidade en plenas condicións de seguridade deste servizo extraordinario, todo o persoal de Gardacostas se puxo a disposición para que as nenas e nenos de Galicia poidan recibir os seus agasallos con puntualidade e que non sufran ningunha demora. Tendo isto en conta, optouse polo uso da base do helicóptero Pesca 1 de Vigo por atoparse nas inmediacións de Peinador, onde Santa Klaus aterrizou esta mesma mañá nun voo privado fletado polo Goberno finlandés en colaboración coa Xunta de Galicia.
O voo realizouse sen maiores complicacións a pesar da néboa espesa que había no aeroporto e mantendo unhas estritas medidas de seguridade para evitar demoras no transporte provocadas por aqueles que puideran pretender aproveitar para entregarlle a carta directamente en man a Santa no último momento.
Aínda que a idea sempre foi a de manter o calendario de reparto, Papá Noel preferiu non arriscar para non defraudar a ningún cativo e poñer en risco a súa reputación, consciente de que en Galicia non ten a exclusividade no reparto de agasallos para nenos e que son os Reis Magos de Oriente os que contan cun maior número de seguidores na nosa Comunidade Autónoma, na que contamos ademais coa figura do Apalpador.