Esta situación deriva dunha inspección inicial das instalacións portuarias nas que se viña facendo o control das importacións deste tipo de fariñas no porto no pasado mes de setembro de 2018. A raíz do incremento de partidas deste tipo de produtos, que pasaron en 2017 de dúas ou tres o ano, a unhas quince o ano pasado, comprobouse que as dependencias non garanten que se puidera facer o control como é axeitado. De feito, ademais en 2019 existe unha alerta sanitaria sobre este produto polo que é necesario a inspección completa e a toma de mostras de todo o envío antes de autorizar a súa venda na Unión Europea.
En outono de 2018 o operador privado que xestiona a infraestrutura del PIF do porto de Vigo presenta un plan de acción no que detalla o inicio das autorizacións de obras de adecuación e o orzamento sen unha data límite. De feito, sete meses despois non se fixeron as obras nin existe un proxecto nin, por suposto, unha data concreta de inicio e final.
En marzo de 2019, a secretaría xeral de Acordos Sanitarios e Control de Fronteiras do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) realiza unha nova inspección das instalacións e informa ao xefe do PIF, ao operador privado das instalacións e o xefe de división de operacións e servizos portuarios da Autoridade Portuaria de que non se poden seguir controlando as fariñas de peixe nas instalacións actuais do porto vigués.
En maio se recibe a instrución do MAPA de que o porto de Vigo non pode acoller estas descargas e se recomenda que sexan trasladadas as instalacións máis próximas como son as de Marín. Con data 13 de maio se remite un escrito polos servizos de sanidade animal á Autoridade Portuaria viguesa comunicándolles con detalle o informe realizado polo MAPA e a necesidade dun plan de acción. Esta comunicación non ten resposta. Dous días despois se anuncia aos operadores loxísticos esta mesma situación e dando de prazo ate o 1 de xuño como data a partires da cal non se permitirá a descarga de fariñas de peixe. Se lles insta a que trasladen os seus envíos a Marín ou de xeito, excepcional, por estrada ate este porto para realizar os controis.
Agora, segundo informou a Subdelegación do Goberno na provincia de Pontevedra, entre as partes están en estudio varias alternativas ate que se conclúan as obras de adecuación das instalacións insuficientes actuais da Autoridade Portuaria viguesa. En todo caso, dende a Administración Xeral do Estado recordase que estas medidas só pretenden garantir a seguridade alimentaria dos cidadáns do noso país e de toda a Unión Europea.