Ante isto, os traballadores apostan por iniciar unha folga indefinida que dará comezo ás 06:00 horas do vindeiro martes 28 de agosto. Na convocatoria -que xa foi rexistrada diante da Consellaría de Economía, Emprego e Industria- explícase que a empresa está a incumprir “de xeito continuado” dende hai catro anos o pagamento ordinario dos soldos, “acumulando sempre máis de dúas mensualidades que non son abonadas en tempo”.
Pero, segundo denuncia o comité, na actualidade xa son máis as mensualidades acumuladas, xa que ás pagas extra de Nadal do ano pasado e de verán deste ano hai que sumarlles as mensualidades de xullo “e moi probabelmente tamén a de agosto”.
Ademais, lembran que a dirección de Maderas Iglesias segue sen aclarar cal vai ser o futuro inmediato da actividade produtiva, “con continuos cambios sobre o que pretende facer, e o que é peor, sen un futuro financeiro claro ao non ter liquidez suficiente para facer fronte tanto ao normal funcionamento da empresa como aos pago de nóminas”.
Convenio colectivo paralizado
Outro motivo para a convocatoria de folga é a paralización das negociacións do convenio colectivo da empresa, cuxa vixencia rematou en decembro de 2014. Os contactos iniciáronse en abril de 2015, pero despois de numerosas xuntanzas fican suspendidas dende febreiro de 2016. “A partir de entón a compañía sempre contestou negativamente ás peticións dos sindicatos e do comité de empresa para que se volvese reunir a mesa negociadora”.
Finalmente, dende a representación dos traballadores volven cargar contra o papel que está a xogar a Xunta neste conflito e acusan os responsábeis autonómicos de “seguir sen dar sinais de vida” e de non ofrecer información sobre as xestións que se comprometeron a realizar diante das posíbeis compañías inversoras interesadas na compra de Maderas Iglesias co obxectivo de garantir a continuidade dos 200 empregos.