Esta mercadoría, que tería un valor de preto de 3.000 euros no mercado foi entregada á Fundación Provincial Banco de Alimentos de Vigo. Ademais, a mercadoría foi comisada a unha embarcación do cerco que ten a cota de xurelo esgotada e que ademais tiña o caderno diario de pesca sen cumprimentar.
Tamén no porto do Berbés, os axentes inspeccionaron un vehículo e incautaron 21 quilos de sargo e 8 quilos de robaliza que transportaba e que foron capturados a través de pesca deportiva. Os axentes incautaron esta mercadoría por exceso de cupo, xa que o máximo permitido para a pesca deportiva é de 5 quilos. O seu valor no mercado sería de máis de 200 euros.
Control conxunto
Por outra banda, tamén onte, os axentes de Gardacostas en colaboración coa Garda Civil de Tráfico e co Seprona de Ourense requisaron 647,5 quilos de ourizo nun control de transporte e comercialización realizado na autovía A-52 á altura de Ribadavia (Ourense). A mercadoría que era transportada por dous tráilers, foi comisada por carecer de documentación e tería un valor aproximado de máis de 3.100 euros no mercado.
Nesta mesma zona, a semana pasada e noutro control de transporte e comercialización os axentes de gardacostas, Garda Civil de Tráfico e Seprona tamén comisaron 210 quilos de ourizo de mar por carecer de documentación para o transporte.