En total, acábanse de incorporar 15 bicicletas estáticas, oito en Psiquiatra e sete en Hematoloxía, e outros equipos co obxectivo de fomentar a realización de exercicio nos pacientes que necesitan unha longa estadía de hospitalización, xa que ademais dos beneficios físicos e psíquicos, tamén supón unha actividade que contribúe a facer máis levadío to tempo de ingreso no hospital.
En psiquiatría, as oito bicicletas están localizadas nas salas de estar comúns, catro no Álvaro Cunqueiro e catro no Nicolás Peña. Neste centro, ademais, serán incorporadas ás actividades programadas con pacientes ambulatorios.
O servizo de Hematoloxía vén de poñer en marcha, en colaboración co servizo de Rehabilitación, un programa de capacitación física en pacientes sometidos a transplante de proxenitores hematopoxéticos.
Para isto, todas as habitacións de pacientes illados dotáronse cunha bicicleta estática así como con steps, pelotas, mancornas e cintas elásticas. Tamén nos espazos comúns disponse de bicicleta e dunha cinta de correr.
O transplante de proxenitores hematopoxéticos (TPH) é unha terapia cada vez máis utilizada en determinadas enfermidades hematolóxicas. O procedemento presenta unha alta complexidade cunha morbimortalidade elevada e un gran número de complicacións que conlevan alteracións fisiolóxicas e psíquicas secundarias tanto a corto como a largo prazo: diminución da capacidade cardiorrespiratoria, debilidade muscular, fatiga, dor, problemas gastrointestinais e perda de apetito.
Ademais, reduce o benestar emocional e pode provocar depresión e ansiedade. Todo isto pode provocar un feblecemento e limitación da reintegración ás actividades da vida diaria e unha moi importante diminución da calidade de vida.
Capacidades
Segundo explica a xefa do servizo de Hematoloxía, Carmen Albo “existe unha redución moi significativa das capacidades funcionais e físicas nos pacientes sometidos a TPH, tanto pola inactividade e inmobilidade pre e postrasplante, xa que son pacientes con estancias hospitalarias de entre catro e cinco semanas; así como polo efecto directo do propio transplante e as consecuencias adversas de moitas das medicacións utilizadas ao longo do proceso. A recuperación da capacidade funcional é, polo tanto, un obxectivo terapéutico primordial para estes pacientes”
O exercicio é unha terapia non farmacolóxica coadxuvante, para combater os efectos tanto fisiolóxicos como psicolóxicos do deterioro físico tralo TPH. Polo tanto os especialistas consideran esencial o papel positivo do exercicio durante e despois do transplante, que ten demostrado un efecto beneficioso en canto á capacidade aeróbica, forza muscular, actividade física, percepción do estado físico e emocional, función inmunolóxica, fatiga e mellora da calidade de vida.
Albo comenta que “ a pesar do seu escaso tempo de funcionamento, este programa de adestramento é un dos máis valorados polos nosos pacientes, e xa constatamos unha mellora moi importante da capacidade funcional, motora e respiratoria, a alta dos pacientes que o teñen realizado”.