As oficinas do programa Smartpeme da Deputación de Pontevedra en Vigo, Ponteareas e O Porriño desenvolverán durante este mes de xaneiro un total de 20 accións formativas para a adaptación das empresas e proxectos emprendedores da provincia ao novo escenario dixital no que desenvolver as súas actividades e aproveitar as ferramentas existentes, co obxectivo de aumentar a súa competitividade.
Deste xeito, SmartPeme oferta unha serie de servizos de información, análise, asesoramento, capacitación, demostración, acompañamento e titorización no ámbito das TIC, sempre da man dos propios implicados e implicadas e coa colaboración das asociacións de empresarios e empresarias e de mozos e mozas autónomas.
A sede da Deputación en Vigo (rúa Oporto, 3) acollerá seis obradoiros. “Como promocionar o teu propio evento en redes sociais” terá lugar o martes 14 de xaneiro de 19:00 a 21:00 horas, “Copywriting para a promoción de tours, experiencias e actividades” levarase a cabo o xoves día 16 de 17:00 a 19:00 horas, “Crea unha páxina profesional con WordPress” impartirase o martes 21 de xaneiro de 18:00 a 21:00 horas, “Así funciona Whatsapp Business” será o xoves día 23 dende as 19:00 ata as 21:00 horas, “Apps de edición: Sácalle partido ao teu Instagram” chegará o 28 de xaneiro tamén de 19:00 a 21:00 horas e, por último, “Redes sociais: a contorna ideal para as persoas emprendedoras” impartirase o xoves 30 para o alumnado do CIFP Manuel Antonio.
En Ponteareas, as accións levaranse a cabo no Centro de Desenvolvemento Local (Lomba do Cruceiro 5, Ribadetea). Estas comezan o xoves 9 de xaneiro cun obradoiro de “Fotografía de produto: todo o que debes saber” de 19:00 a 21:00 horas, o martes 14 de 18:00 a 21:00 horas continuarán con “Crea unha páxina profesional con WordPress”, o xoves 16 de xaneiro de 19:00 a 21:00 horas será a quenda de “Aprende a elixir as palabras clave para a túa estratexia SEO e SEM”, o martes 21 impartirase “Desenvolve a túa propia estratexia de email marketing” tamén de 19:00 a 21:00 horas, o xoves desa mesma semana de 17:00 a 19:00 horas desenvolverase o obradoiro “Tripadvisor. A plataforma perfecta para a túa empresa turística”, a xornada “Networking Ponteareas” chega o martes 28 de 18:00 a 21:00 horas e, por último, o xoves 30 de xaneiro realizarase un taller titulado “Crea unha campaña de email marketing con MailChimp”, de 19:00 a 21:00 horas.
Por outra banda, no Porriño as accións formativas serán: “Aprende a promocionar a túa empresa con Pinterest”, o xoves 9 de xaneiro de 19:00 a 21:00 horas; “Ferramentas de marketing dixital para empresas turísticas”, o martes día 14 de 17:00 a 19:00 horas; “Crea unha campaña de email marketing con MailChimp”, o xoves 16 de 19:00 a 21:00 horas; “Woocommerce: A solución que buscabas para vender por internet”, o martes 21 de xaneiro de 18:00 a 21:00 horas; “Cámara réflex: Aprende a utilizar o modo manual en fotografía”, o xoves 23 de 19:00 a 21:00 horas; “Linkedin: a túa rede de networking”, o martes 28 de xaneiro tamén de 19:00 a 21:00 horas ; e, por último, o xoves 30 á mesma hora será a quenda de “Design Thinking II”. Estes obradoiros desenvolveranse no Multicentro do Concello de Porriño (Ribeira s/n, Torneiros).
As inscricións para tomar parte nestas accións formativas pódense facer no número de teléfono 886 20 20 20, no correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou na páxina web www.smartpeme.depo.gal.