16122018Dom
Última edición: Dom, 16 Dic 2018 9pm

Dous investigadores da Universidade de Vigo, entre os más citados do ano

Jesús Simal e Maurizio Battino aparecen no Highly Cited Researchers List de 2018

28 Noviembre 2018 por
Valora este artículo
(0 votos)
Jesús Simal e Maurizio Battino. / Foto: DUVI Jesús Simal e Maurizio Battino. / Foto: DUVI

A publicación definitiva do Highly Cited Researchers List (HCR), o listado dos investigadores máis citados do ano 2018, elaborado por Clarivate Analytics, confirma a inclusión dos investigadores da Universidade de Vigo Jesús Simal e Maurizio Battino, ao tempo que sitúa á institución académica viguesa como a primeira do Sistema Universitario de Galicia en número de representantes nesta relación, baseada nos traballos publicados e citados durante a última década.

Desde que o pasado día 13 de novembro o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, avanzase a posibilidade de que a institución académica estivese representada por dous investigadores no HCR List, transcorreron 14 días ata a publicación do listado definitivo que elabora Clarivate Analytics e que se ten en conta en clasificacións internacionais de universidades como o Academic Ranking of World Universities (ARWU), coñecido como Ranking de Shanghai.

Simal e Battino aparecen no listado, que inclúe un total de 6000 investigadoras e investigadores de todo o mundo, nunha nova categoría denominada cross-field, que segundo explica Clarivate Analytics inclúe a científicos que traballaron en diferentes campos ao longo dos últimos anos.

Esta nova categoría súmase ás 21 incluídas ata o agora na relación e que van da Bioloxía, á Química, pasando pola Economía, as Ciencias Sociais, a Inmunoloxía e as Matemáticas, modalidade na que aparece o catedrático da Universidade de Santiago de Compostela Juan José Nieto, o terceiro representante dunha universidade galega na relación de investigadores máis citados.

Maior visibilidade da actividade investigadora no ámbito agroalimentario
“Todo isto é froito dun traballo colectivo. Axuda a mellorar a visibilidade do meu grupo e investigación, do departamento, da facultade Ciencias, da agrupación estratéxica de investigación do campus e do Campus de Ourense, ademais de axudar ao posicionamento da Universidade de Vigo no contexto da actividade científica mundial, especialmente no ámbito agroalimentario”, explica Jesús Simal, desde Bruxelas, ao tempo que asegura que o reto é agora manterse, para o que solicita o apoio da administración “cun paquete económico para reforzar as liñas de investigación do grupo posibilitando a contratación de recursos humanos, ademais de instrumentación científica de alto nivel”.

A incorporación de Jesús Simal no HCR List, no que ata o ano pasado aparecía o catedrático do Departamento de Bioquímica, Xenética e Inmunoloxía David Posada, que ao cambiar de liña de investigación xa non está incluído este ano, levou ao investigador do campus de Ourense a abandonar a súa responsabilidade como vicerreitor de Internacionalización, cargo que ocupa desde hai unhas semanas a vicerreitora de Responsabilidade Social, Igualdade e Cooperación, Maribel Doval. “O noso foco hoxe está no estudo dos compostos orgánicos persistentes (COP) desde o punto de vista da saúde pública (epidemioloxía, toxicidade de mesturas, metabolitos…) e no dos metabolitos secundarios e alimentos de orixe vexetal, explorando os mecanismos moleculares que xustifican a súa actividade”, explica Simal en relación coa actividade investigadora que desenvolve o seu grupo.

Pola súa banda, tras a súa incorporación á Universidade de Vigo, o director científico do Center for Nutrition & Health da Universidad Europea del Atlántico e docente da Università Politecnica delle Marche, Maurizio Battino, dirixe o Nutrition and Food Science Group do que forman parte as e os investigadores Tamara Yuliett Forbes, Miguel Ángel Prieto e Patricia Reboredo.

“Cun número de citas que supera as 20.000, Battino é un nomeamento administrativo e incorpórase como investigador distinguido, encargado da dirección dun grupo de científicas e científicos, formados e con praza na Universidade de Vigo”, explica o reitor, Manuel Reigosa, en relación co experto en bioquímica alimentaria, que no ano 2015 xa foi recoñecido por Thomson Reuters como un dos investigadores máis destacados do mundo.

Deja un comentario

Asegúrate de llenar la información requerida marcada con (*). No está permitido el código HTML. Tu dirección de correo NO será publicada.

tráfico

sucesos

tecnología

movilidad

sanidad

  • Últimas noticias

  • Más leído