13122017Mié
Última edición: Mié, 13 Dic 2017 1pm

 

O novo edificio dos centros de investigación CACTI e CINBIO honra á primeira doutora galega

Olimpia Valencia López dará nome ao emprazamento, que foi inaugurado este martes e no que traballarán 200 profesionais

05 Diciembre 2017 por
O novo edificio / Foto: Duvi O novo edificio / Foto: Duvi

A primeira muller galega en licenciarse en Medicina en 1925 e en abrir unha consulta de xinecoloxía en Vigo, tres anos despois, dá nome desde este martes ao novo edificio que albergará no campus universitario o Centro de Apoio Científico-Tecnolóxico á Investigación (CACTI) e o Centro de Investigacións Biomédicas (CINBIO), ademais do Servizo de Bioexperimentación.

Olimpia Valencia López foi ademais unha galeguista comprometida e unha precursora da igualdade de xénero, dúas condicións que lle foron recoñecidas no acto de inauguración. A secretaria de Estado de I+D+i, Carmen Vela, presidiu un acto no que participaron o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, o conselleiro de Educación, Cultura e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez,e as directoras de ámbolos dous centros, Irene Alejo e África González.

Con eles estivo unha representación dos 200 investigadores e persoal técnico que conforman o cadro de persoal. O acto comezou co descubrimento dun totem coa biografía de Olimpia Valencia e dunha placa conmemorativa da inauguración.

O novo emprazamento ocupa 14.000 metros cadrados, foi deseñado polo arquitecto Alfonso Penela e na súa construción investíronse uns 10 millóns de euros. Os centros acollerán laboratorios específicos para grupos ou servizos, así como salas de uso común e zonas sociais e de estudo.

Tralo seu equipamento, a actividade comezou no CACTI, que substitúe ao edificio que funcionaba no campus vigués desde a década de 1990, a finais do ano 2013, mentres que no CINBIO arrancaba en 2014.

“Non inauguramos edificios baleiros”, asegurou Carmen Vela ao inicio da súa intervención, na que gabou a decisión da Universidade de Vigo de homenaxear a Olimpia Valencia, “situándose á cabeza do país en recoñecer ás mulleres”.

Decenas de servizos dedicados á investigación
O Centro de Apoio Científico e Tecnolóxico á Investigación (CACTI) proporciona apoio científico e tecnolóxico especializado tanto ao persoal investigador da Universidade de Vigo como aos organismos públicos de investigación (OPI) e ás empresas.

O CACTI iniciou a súa andaina en 1991 e en 1995 estableceuse nun edificio específico de 3600 m2 no campus de Vigo. O crecemento do seu equipamento e da súa actividade motivou o seu traslado ao edificio que agora se inaugura e no que a actividade se organiza en catro grandes servizos: determinación estrutural, proteómica e xenómica, nanotecnoloxía-análises de superficies, microscopía electrónica e seguridade alimentaria-desenvolvemento sostible (este último con instalacións en Vigo e Ourense). Completan a oferta tres servizos complementarios: detección remota, taller de mecanizado e taller Electrónico e de calibración.

Pola súa banda, o Centro de Investigacións Biomédicas (CINBIO) aglutina as capacidades e coñecementos de catorce grupos de investigación en Biomedicina e Saúde da Universidade de Vigo, integrados en cinco áreas principais (cancro; inmunidade e inflamación; neurociencias, biosaúde e envellecemento activo; obesidade e enfermidades metabólicas) e tres transversais (bioinformática; bioestática; innovación: novos métodos de prevención, diagnóstico e terapia).

No período 2013-2015, os grupos integrados no CINBIO obtiveron proxectos por un importe de 8,5 millóns de euros en convocatorias europeas, outros oito millóns en programas nacionais e rexionais e case dous millóns en contratos e servizos con empresas.

Escribir un comentario


Código de seguridad
Refescar

infraestructuras

borrasca "ana"

sequía

sanidade

  • Últimas noticias

  • Más leído