Segundo as previsións da Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), este fenómeno adverso afectará ás zonas de montaña e centro de Lugo; montaña, sur e noroeste de Ourense e Pontevedra interior. A cota de neve irá descendendo ata os 400 metros e espérase acumulación de neve de 20 cm nas zonas de montaña e de 6-7 cm no resto.
Ante esta situación, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, o Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia informou da situación a todos os concellos afectados, bombeiros, Deputacións e servizos de Protección Civil provinciais, entre outros medios.
Tamén, recórdaselle á poboación a importancia de seguir as medidas de autoproteción, tales como evitar as viaxes sempre que non sexan necesarias ou revisar o estado das estradas asegurándose de saír con cadeas e os depósitos de combustible e líquido anticonxelante cheos. Ademais, aconséllase consultar a páxina web do CAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese.
Para facer fronte aos posibles efectos dunha climatoloxía adversa nas vías, o Goberno galego ten previsto os medios e os recursos humanos e materiais necesarios e suficientes para garantir que este inverno se poida circular polos 5.500 quilómetros de estradas autonómicas en condicións axeitadas, con 25 centros operativos, 72 vehículos (camións, esparexedoras de sal, ou retroescavadoras…), 5.700 toneladas de fundentes e un equipo humano formado por 450 persoas.
Temporal costeiro
Por outra banda, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior alerta tamén dun temporal costeiro de nivel laranxa que afectará ao litoral da nosa comunidade a partir da tarde do sábado.
Segundo informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), espérase mar combinada do noroeste, que afectará á costa das provincias de Pontevedra e A Coruña e na costa a partir das 12.00 horas.
Tamén neste caso recórdaselle á poboación a importancia de seguir as medidas de protección como evitar aproximarse a diques ou rompentes co fin de previr un eventual golpe de mar que poida arrastrar persoas ou obxectos ou vixiar posibles caídas de obxectos desde balcóns e fiestras.