Imprimir esta página

Silva sinala a igualdade e a economía sustentable como eixos da nova Deputación

A presidenta provincial do PSOE dirixirá de novo un goberno de coalición formado por 13 socialistas e tres membros do BNG

03 Julio 2019 por
Valora este artículo
(0 votos)
Carmela Silva tomou posesión do cargo este mércores. / Foto: Deputación de Pontevedra Carmela Silva tomou posesión do cargo este mércores. / Foto: Deputación de Pontevedra

Unha economía sustentable baseada nunha forte aposta por políticas de transición ecolóxica e un cambio de sistema no que a igualdade sexa o motor necesario, serán dous dos eixos fundamentais que vertebrarán de xeito transversal o novo proxecto político que afronta desde hoxe o novo goberno da Deputación de Pontevedra que volve a presidir a socialista Carmela Silva.

A presidenta provincial, que dirixirá de novo un goberno de coalición formado polos 13 deputados e deputadas do PSDG-PSOE e os tres integrantes do BNG, tomou posesión do seu cargo este mércores no Pazo Provincial na sesión constitutiva da nova corporación e relatou as principais liñas que marcarán as políticas provinciais dos próximos catro anos.

Carmela Silva sinalou no seu discurso que “unha economía sustentable significa un novo tratamento de residuos sólidos, a recuperación dos espazos públicos para crear espazos de vida que poidan ocupar as persoas, a mobilidade sostible, a loita contra as emisións, implantar enerxías renovables, e o cambio do sistema para que a Igualdade sexa o motor no que as mulleres teñen que xogar un papel fundamental". “Unha economía, dixo, que respecte a contorna e o patrimonio, tanto na industria, no turismo como en todos os sectores produtivos”

Silva adiantou que para a vindeira lexislatura “o cambio será imparable para continuar transformando a provincia”. Así, a reelixida presidenta da Deputación detallou que os eixos nos que se asentará o proxecto serán a sustentabilidade e a igualdade como elementos transversais, globais e prioritarios a aplicar en todas as políticas públicas. Silva destacou que tamén continuarán a impulsarse políticas de apoio á diversidade, traballando para acadar a plena integración das persoas con diversidade funcional, e a defensa dos dereitos do colectivo LGTBI mediante a promoción de políticas de visibilidade e non discriminación.

A sustentabilidade marcará toda a acción do novo goberno “en consonancia coa transición ecolóxica, cos obxectivos dos ODS e coas propostas da ONU”. “Temos que dar resposta ao imparable cambio climático que xa é a cuarta causa de mortalidade no mundo e para iso a axenda medioambiental será unha das prioridades da Deputación, cun proxecto global e moi potente de medio ambiente que queremos pactar cos concellos”, asegurou Carmela Silva. Tamén incidiu na necesidade de apostar por un modelo económico sostible, produtivo e competitivo, unha economía comprometida co país e sen esquecer o respecto ao medio ambiente e aos dereitos das persoas”. Neste eido, a presidenta tamén se referiu á creación dunha “potente área de captación de fondos europeos” e a novas políticas de emprego e formación en colaboración coa universidade, apostando pola innovación e adaptación ás novas tecnoloxías. A presidenta provincial tamén adiantou que os procedementos de contratación incidirán na igualdade e sustentabilidade e no apoio de pequenas e medianas empresas.

Avanzou que continuará a impulsar o Plan Concellos “coas mesmas pautas que en todas as nosas políticas, marcadas pola equidade, a transparencia e o reparto obxectivo dos recursos. Algo, dixo, que imos seguir demandando a todas as administracións para que actúen da mesma forma”. De feito, Carmela Silva dirixiuse aos alcaldes e alcaldesas da provincia. “Contan con nós para transitar por un camiño de progreso, partindo dos principios de corresponsabilidade, lealdade institucional e promoción do equilibrio territorial. Temos moitos retos compartidos e debemos ser capaces de responder a eles”

A presidenta tamén explicou que durante os próximos catro anos o goberno provincial creará medidas para dar resposta ao despoboamento, “prestando unha atención integral a unha sociedade que envellece” e mirando cara á mocidade con novas políticas dirixidas á xuventude, “que segue a marchar fóra”.  En canto a turismo, Carmela Silva explicou que se ben nos últimos catro anos o proxecto principal foi a posta en marcha do Plan Estratéxico de Turismo, nos vindeiros catro anos apostarase polas TIC aplicadas ao sector. “Queremos ser protagonistas da revolución tecnoindustrial que está a transformalo todo e facelo situando ás persoas no centro das políticas, para mellorar a súa vida e crear unha provincia con máis dereitos”, destacou.

Amais, a presidenta provincial amosou a súa “esperanza” de que nos vindeiros catro anos a Xunta de Galicia asuma “as competencias que lle corresponden” e se ocupe de áreas impropias da Deputación como son a Escola de Enfermería, a Escola de Cantería, Príncipe Felipe, a Estación Fitopatolóxica do Areeiro e Mouriscade. Do mesmo xeito, avogou por unha mellor relación. “Espero que as cousas podan cambiar e que poderemos sentarnos a falar desde a lealdade institucional, pero a Xunta ten que facerse cargo das súas competencias”, sinalou.

Pola súa banda César Mosquera, que revalidará a vicepresidencia do goberno provincial incidiu en dar seguimento ao proxecto iniciado, cun goberno de xestión eficiente e rápida, que rachou coa discrecionalidade e apostou por impulsar a equidade e dotar de protagonismo aos concellos.

 

GALERÍA DE FOTOS 

Inicia sesión para enviar comentarios