09122019Lun
Última edición: Lun, 09 Dic 2019 8pm

As cores da bandeira LGTBI xa locen na fachada e nun banco da Deputación

A presidenta Carmela Silva reivindicou “o respecto á diversidade como enriquecemento dunha sociedade máis plural, igualitaria, tolerante e polo tanto máis feliz”

29 Junio 2019 por
Valora este artículo
(0 votos)
A institución provincial celebrou o Día do Orgullo nos exteriores do Pazo coa lectura dun manifesto a cargo do columnista Rodrigo Cota. / Foto: Deputación A institución provincial celebrou o Día do Orgullo nos exteriores do Pazo coa lectura dun manifesto a cargo do columnista Rodrigo Cota. / Foto: Deputación

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, asistiu esta tarde ao acto institucional organizado pola Deputación ao abeiro do Día do Orgullo LGTBIQ, que estivo conducido polo columnista do Diario de Pontevedra Rodrigo Cota.

Este ano, a institución provincial centrou as súas accións no pintado dun banco que estará permanentemente situado nos xardíns de Vincenti, nos exteriores do Pazo provincial; na lectura dun manifesto propio e na iluminación do Pazo, en cuxa fachada, e durante toda a noite do venres, proxectáronse as cores da bandeira LGTBIQ.

O acto, no que estiveron presentes deputadas e deputados do último Goberno provincial e/ou que pasarán a incorporarse á nova corporación, así como alcaldes e alcaldesas da provincia e representantes de diversos sectores da sociedade civil e política, foi pechado pola presidenta, Carmela Silva, que reivindicou “o respecto á diversidade como mostra de enriquecemento dunha sociedade máis plural, igualitaria, tolerante e polo tanto máis feliz”

No manifesto elaborado pola Deputación, o Goberno provincial quixo lembrar que “a chegada da democracia permitiu avanzar en materia de dereitos LGTBIQ, uns dereitos que a día de hoxe moitas persoas aínda lles negan tanto no noso país, malia os grandes avances alcanzados, como noutros onde tanto a sociedade como os gobernos seguen a perseguir persoas pola súa condición sexual ou de xénero”. No manifesto que leu Rodrigo Cota, a Deputación puxo en valor o papel da democracia local como protagonista dos avances e dereitos conquistados polo colectivo, “garantes da igualdade e da non discriminación das e dos cidadáns” para “rematar con séculos de exclusión social”.

As administracións locais son “unha das administracións que proporcionan á cidadanía ferramentas de sensibilización e educación co fin de erradicar da nosa sociedade calquera tipo de manifestación contra as persoas LGTBIQ tanto no ámbito familiar, como no escolar, laboral, social, cultural, económico e político”. Tamén houbo palabras para recoñecer “a contribución, traballo e esforzo das organizacións do terceiro sector que traballan a prol da igualdade, en defensa dos dereitos humanos e na protección dos dereitos fundamentais das persoas LGTBIQ”.

A Deputación de Pontevedra manifesta o seu rexeitamento á “apelación a valores ideolóxicos, culturais, tradicionais ou relixiosos para xustificar calquera tipo de discriminación”, condenando “enerxicamente” calquera forma de violencia “física, verbal, humillación e menosprezo que teña a súa orixe na orientación sexual e a identidade de xénero”. Para pór fin a esta vulneración dos dereitos do colectivo LGTBIQ, o Goberno provincial reivindicou a través do manifesto “a elaboración e aplicación dunha política europea plurianual de protección dos dereitos fundamentais das persoas LGTBIQ”, que preste atención “á discriminación múltiple e á violencia cuxa orixe se atope na orientación sexual e a identidade de xénero”, dotando ás administracións de “mecanismos formais de recollida regular de datos pertinentes e comparables sobre a situación das persoas LGTBIQ e da violencia que sofren” coa que poder “realizar unha diagnose da situación no noso país que nos permita identificar as necesidades reais cara as que debemos orientar as nosas políticas”.

Do mesmo xeito, a Deputación considera necesario “investir en políticas en favor da diversidade sexual e a non discriminación” desenvolvendo programas e proxectos de atención, información, formación, sensibilización e concienciación “que fagan das nosas cidades e pobos espazos seguros para a diversidade sexual”. Para iso, “reivindicamos financiamento por parte do Goberno estatal e da Xunta” que permita ás entidades locais “asegurar a aplicación de iniciativas que garantan a igualdade efectiva e a loita contra a discriminación que padece o colectivo LGTBIQ”.

O banco pintado coas cores da bandeira LGTBIQ nos Xardíns de Vincenti súmase ao banco que xa instalou a Deputación de Pontevedra o pasado mes de novembro, no outro lado dos xardíns, con motivo do Día Internacional da Memoria Trans*. Neste caso, o banco representara tamén as cores da súa bandeira: branco, azul e rosa.

Inicia sesión para enviar comentarios

medio ambiente

tráfico

espectáculos

  • Últimas noticias

  • Más leído

Agenda

Sin eventos