O programa, impulsado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), conta cun orzamento de 1,7 millóns de euros e levará aos bolseiros ata China (concretamente a Pekín, Cantón e Shanghai), Canadá (Toronto e Ottawa), Estados Unidos (Miami e New York), Sao Paulo, Cidade de México, Bogotá, Tokio, Casablanca, Londres, Seúl e Dubái. Os adxudicatarios das axudas son universitarios ou profesionais no ámbito vinculado ao mundo empresarial.
Durante o primeiro ano recibirán formación práctica en Galicia e durante o segundo especializaranse sobre o terreo nos mencionados destinos. Alí, colaborarán con proxectos de internacionalización de empresas galegas situadas en mercados de grande interese estratéxico para o tecido empresarial de Galicia.
Os beneficios deste programa son dobres: por unha banda, os traballadores acadan a capacitación profesional que precisan tras titularse e incrementan a súa experiencia, o cal lles resultará beneficioso para mellorar o seu acceso ao mercado laboral. Por outra, as empresas consolidan o seu proceso de internacionalización e vén impulsado o desenvolvemento dos seus proxectos.
Os bolseiros, ademais, contarán co apoio de titores ao longo dos dous anos que dura o programa, tanto en Galicia como no exterior. A súa aprendizaxe tocará todo tipo de puntos, desde a análise das oportunidades e debilidades dos sectores estratéxicos galegos ata a avaliación das formas de introdución das empresas nos mercados estranxeiros, co obxectivo de abordar o estudo dos ámbitos máis importantes dos mercados estranxeiros.
Esta convocatoria enmárcase na ‘Estratexia de internacionalización da empresa galega 2020’, desenvolvida pola Xunta, e que ten como un dos seus eixos a promoción da cultura de internacionalización no tecido produtivo. Desde a súa posta en marcha, xa se beneficiaron del un total de 295 persoas -serán 328 grazas a esta última quenda-, que recalaron en 50 destinos de catro continentes –Europa, América, Asia e África-.
Resultados
Actuacións coma esta contribúen a que as exportacións das empresas galegas continúen a medrar. Nos primeiros sete meses de 2018 as vendas ao exterior creceron un 9,9% fronte ao 3,8% da media estatal, situándose así Galicia como a terceira comunidade na que máis aumentan as exportacións no que vai de ano.
A comunidade, de feito, atravesa o seu mellor ciclo exportador despois de superar en 2017 a barreira dos 21.000 millóns de euros, ratificando así a puxanza dunha internacionalización que xa é vista polas pemes como unha condición indispensable para poder competir nun mercado cada vez máis global.
A dixitalización, ademais, está a marcar de xeito evidente esas necesidades expansivas, do mesmo xeito que alimenta as expectativas de crecemento das empresas galegas.
Galicia Exporta
Estes datos veñen dados tamén grazas ao pulo de programas enfocados de xeito único cara a exportación, como é o caso do Galicia Exporta, impulsado polo Igape, que promove a actividade exterior do tecido empresarial galego.
Trátase dunha iniciativa que busca facilitar a internacionalización das empresas galegas que aínda non iniciaron a súa actividade exportadora e, ao mesmo tempo, incrementar as vendas nos mercados exteriores das compañías que xa teñen presenza no estranxeiro.
O programa conta cun orzamento de 6,5 millóns e cobre ata o 70% dos investimentos que as empresas vense obrigadas a acometer para comezar ou impulsar as súas actividades neste eido. Neste momento, o Galicia Exporta ofrece apoio directo a máis de 300 firmas galegas.
Na súa última convocatoria, 34 proxectos recibiron 1,5 millóns de euros en axudas para actuacións promovidas por pemes organizadas por organismos intermedios domiciliados en Galicia, como asociacións empresariais, consellos reguladores, centros tecnolóxicos ou clusters.
Estes apoios serven para complementar o esforzo realizado por eses organismos intermedios e así axudar a pequenas e medianas empresas de modo agrupado, aproveitando sinerxías e cooperando entre si.
Desde 2016, a Consellería de Economía, Emprego e Industria investiu 4,6 millóns de euros neste programa, que contribuía a mellorar a internacionalización de compañías vinculadas con sectores tan variados como o naval, o audiovisual, o téxtil, o agroalimentario, a automoción, a biotecnoloxía ou o forestal, entre outros.