Neste eido, Carmela Silva destacou o carácter de “unidade” do goberno de colación entre o PSdeG e o BNG, poñendo en valor a figura do vicepresidente provincial, César Mosquera, peza fundamental na xestión provincial. “Somos un goberno forte, unido e cun proxecto claro do que estamos moi orgullosas e orgulloso” subliñou Silva ao tempo que repasou “o xiro de 180º na xestión da institución provincial para transformar a provincia de Pontevedra para que houbera máis equidade, máis servizos, máis futuro e máis dereitos”.
Neste aspecto, a presidenta tamén destacou que os proxectos desenvolvidos ao longo do mandato “aséntanse nun modelo de construción do territorio baixo as premisas de crecemento e sustentabilidade, de creación de riqueza e distribución equitativa, de desenvolvemento dos sectores produtivos e a creación de emprego e, sobre todo, de garantir dereitos e servizos a todos os concellos e persoas que viven neles”.
Cooperación cos concellos
En canto aos principais fitos dos tres anos, a presidenta provincial comezou enxalzando a cooperación cos concellos. “Destinamos neste tempo preto de 220 millóns de euros, case a metade do orzamento total desta casa á cooperación directa e estreita cos concellos”, informou Silva mentres detíñase a explicar plans e servizos desenvolvidos nesta área como o Plan Concellos, os Préstamos sen Xuros, o Plan de Reequilibrio, o DepoRemse, as solucións tecnolóxicas ou o Servizo de Atención Intermunicipal.
Outra das áreas que experimentou unha fonda transformación foi a de Mobilidade, na que “impulsamos unha nova filosofía centrada nas persoas”, tal e como indicou Silva, e na que se investiu máis de 52 millóns de euros para poñer en marcha máis de 100 novos proxectos na provincia.
A igualdade é unha aposta prioritaria do goberno provincial e, segundo asegurou a presidenta, “nestes tres anos, e partindo de cero xa que non existía nin un servizo destinado á Igualdade, somos xa unha referencia en Galicia e no Estado”. Neste eido, a presidenta repasou desde os principais proxectos postos en marcha dende a creación da Escola de Igualdade ata o I Plan de Igualdade ou o protocolo de acoso sexual e/ou por razón de sexo.
Tamén o compromiso co Medio Ambiente é un dos principais obxectivos do goberno provincial. Neste eido, Silva destacou que “no tratamento de residuos e a través da aposta pola compostaxe mediante o Plan Revitaliza somos xa un exemplo en Galicia, no Estado e en Europa”. No medio natural a presidenta destacou, amais do Plan Revitaliza, a aposta polo coidado e potenciación dos montes e o servizo do CAAN.
Políticas sociais
As políticas sociais son, segundo indicou Silva, “unha das áreas que identifican expresamente a este goberno” para o que investimos preto de 14 millóns de euros, incrementando o seu orzamento ata nun 8,2%, nestes tres anos. A través desta área estanse a paliar emerxencias sociais, a subvencionar entidades de carácter social, a cofinanciar os servizos sociais comunitarios, a apostar pola teleasistencia domiciliaria e a organizar programas para fomentar o envellecemento activo ou os lazos interxeracionais.
Outra das apostas do goberno provincial é a formación, o emprego e a actividade económica. Neste campo e durante os tres anos de mandato investiuse “máis de 35,5 millóns de euros para que 4.645 persoas accedesen a un contrato laboral ou realizasen a súa primeira práctica”, asegurou Silva. Ademais, se está a apoiar ás empresas, especialmente as pemes, a través de proxectos como SmartPeme ou os viveiros de Barro e Lalín, e aos sectores produtivos como o pesqueiro e agrogandeiro, a través de subvencións e tamén de servizos de investigación como os desenvolvidos en Areeiro e Mouriscade. Neste eido, Silva tamén fixo fincapé na Escola de Enfermería e de Cantería e na aposta por estender a cultura emprendedora dende a escola, así como por apoiar a inserción laboral da mocidade.
A presidenta provincial tamén explicou o xiro completo realizado no servizo de Cultura e Lingua, no que se investiu 31 millóns de euros. Neste aspecto, Silva puxo en valor o cambio no Museo de Pontevedra, as axudas para iniciativas culturais, a aposta pola recuperación da memoria histórica e por espallar a lingua a través de diferentes e novidosas iniciativas.
Turismo
En canto ao turismo o cambio, segundo indicou a presidenta, “foi radical”. Deste xeito, ao longo dos tres anos de goberno investiuse 20,6 millóns de euros, púxose en marcha un Plan Estratéxico de Turismo, apostouse por renovar o Castelo de Soutomaior e tamén polo de Sobroso, centrouse a estratexia no turismo cultural e impulsouse o turismo de interior e estase a converter á provincia nun referente en calidade turística.
Tamén tivo palabras Silva para explicar as actuacións realizadas no servizo de Deportes, ao que se destinou máis de 12 millóns de euros en tres anos. Neste eido “mudamos a política deportiva da institución que quere ser con e para todos, apostando por un modelo con criterios claros e transparentes”. Silva recordou ademais o Plan Estratéxico de Deportes, as achegas destinadas ao deporte provincial e os programas para o fomento do deporte entre a cidadanía.
Por outra banda, o investimento realizado en xuventude foi de preto de 3 millóns de euros “para promover plans dirixidos á xeración mellor formada e preparada”, indicou Silva, como programas de apoio ao emprendemento, programas de formación, iniciativas para facilitar a inserción laboral da mocidade, premios provinciais á xuventude, Deporuárte, Pintando alternativas ou Depoaventura A Lanzada.
Finalmente, a presidenta da Deputación destacou que “estamos a redobrar a nosa aposta por proxectos europeos que xeren retorno económico na provincia, impulsen o emprego, a competitividade empresarial, o I+D+i, a sustentabilidade, a formación, o turismo e a xestión dos recursos naturais”. Neste eido, a presidenta recordou que “nestes tres anos conseguimos poñer en marcha proxectos por valor de 18,3 millóns de euros”.