Con motivo da publicación en novembro do volume recompilatorio das serie de cómic dedicada a Castelao, falamos co seu ilustrador, Iván Suárez, sobre o proceso creativo dunha obra construída ao longo de varios anos e que agora recibe un tratamento de luxo cunha nova edición.
-Este volume recompila catro libros publicados orixinalmente de maneira independente. Mirando agora o conxunto, como vivistes o proceso creativo de cada unha desas entregas? Foron pensadas desde o inicio como partes dun proxecto maior ou cada libro respondeu a necesidades e pulsións distintas?
-A idea orixinal era debuxar un cómic infantil que mostrase o proceso de creación dun Cabezudo. Isto levou a Titoán [o primeiro libro da saga]pero na súa investigación sobre Castelao Inácio quedouse coas gañas de contar mais cousas. Entón apareceu Demo Editorial, a única editorial comprometida en convertelo nunha serie.
–Son catro libros espallados ao longo de varios anos, pensades que neles apréciase unha evolución tanto narrativa como gráfica.
-Penso que si, Titóan foi a miña segunda obra longa; en traballos anteriores o meu estilo era moi diferente e non encaixaba ao contar unha historia de este tipo e tiven que aprender un pouco sobre a marcha.
–Cal foi o maior reto á hora de converter a figura de Castelao, tan complexa e poliédrica, nun personaxe de cómic sen simplificalo en exceso, e atendendo a súa densidade humana, política e intelectual?
-Estou a falar polo guionista, pero creo que Inácio sempre tivo isto en mente, a medida que a súa investigación se ramifica e medra, o personaxe faise máis complexo.
–Esta nova edición recompilatoria chega nun momento moi concreto. Que motivos explican a necesidade de volver publicar agora estes catro libros nun único volume?
-Era unha idea que estaba aí e o ano Castelao simplificouno todo.
–Sentides que o contexto actual permite unha lectura diferente de Castelao respecto da que podía facerse cando apareceron os álbums orixinais? Agardades novos lectores ou novas interpretacións?
-Non sei, espero que chegue a novos lectores, pero a nosa é unha pequena produción cun público reducido tamén.
–Un dos grandes acertos do libro é o equilibrio entre a vontade de explicar quen foi Castelao e a clara intención de evitar un didactismo excesivamente pedagóxico. ¿Como traballastes esa fronteira entre entre informar e lograr un relato en si mesmo eficaz como lectura?
-Os guións de Inácio son bastante pechados e con moitos diálogos; pola miña banda, teño que atopar a maneira de evitar ser literal e incorporar novos elementos á narrativa para que todo flúa.
–No apartado gráfico percíbese unha identidade visual moi sólida e recoñecible. ¿Que influencias —do cómic, da ilustración, da arte ou mesmo do propio Castelao debuxante— estiveron máis presentes durante o proceso?
-Sinceramente, estaba empezando e non tiña moito tempo para facer cada álbum, así que sempre tratei de simplificar o proceso. As miñas influencias son variadas, dende Hugo Pratt, Mattotti, Posy Simmonds…
–A posta en páxina, o ritmo da narración, teñen un peso moi notable. ¿Como traballades a narración visual, no proceso intervides ambos ou o peso cae máis ben en Iván?
-Inacio escribe os guións numerando as viñetas, eu esquézome diso e fago un storyboard no que teño moita liberdade, curiosamente ao final adoitamos chegar ás mesmas conclusións.
–Agora que este volume funciona como unha obra pechada e á vez como síntese, é inevitable preguntar: se as vendas acompañan, ¿contemplades continuar a “saga Castelao” en novas entregas? (sei que o proxecto era de oito libros, por eso a pregunta)
-Agora mesmo estou centrado noutras cousas.
–Para rematar: despois de tantos anos convivindo con Castelao, ¿que credes que vos devolveu el como autores? ¿Cambiou dalgún xeito a vosa maneira de entender o cómic ou o papel da memoria cultural?
-Que a BD pode ser un lugar para escoitar a memoria, e a min particularmente axudoume a entender o cómic como un oficio.




















