A Deputación de Pontevedra leva este venres 11 de xullo un concerto de Roi Casal ao Porriño e outro de Dakidarría a Ponteareas, enmarcados na nova edición de +Música, o programa provincial que colabora cos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia para apoiar a súa programación cultural e, con isto, difundir e fomentar a lingua e a cultura galegas. As actuacións terán lugar no Barrio de San Bieito do Porriño ás 22:30 horas e no Parque da Feira Vella de Ponteareas ás 23:00 horas.
Roi Casal, un dos grandes expoñentes da actual música galega a nivel internacional, porá sobre o escenario do Porriño as súas recentes producións en Estados Unidos xunto aos seus grandes éxitos. Ritmos latinos e o estilo pop máis puro dos seus inicios son a súa clave para ofrecer unha grande actuación musical ao vivo. Pola súa banda, Dakidarría é un dos grupos referentes nos festivais musicais galegos, contando cun gran número de seguidores. Tras vinte anos de traxectoria, recala en Ponteareas para ofrecer un show musical na que fusiona diversos estilos musicais coma o rock, reggae ou hip-hop.
O concerto de Roi Casal e Dakidarría son dúas das 78 actuacións de +Música que se celebrarán entre os meses de maio e decembro nos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia. Este programa provincial ten un orzamento de 700.000 euros, 100.000 euros máis que na pasada edición, cos que a Deputación aboa os custos de caché dos espectáculos e impulsa a reputación de Pontevedra como un destino cultural de primeiro nivel. A través de +Música, a institución provincial aposta pola descentralización da cultura e a programación de actos culturais de calidade.