O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, vén de asinar o convenio de colaboración coa alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, para executar a reforma urbana da Rúa Coruña.
Un acordo asinado no marco do Plan Extra, o novidoso plan de investimentos do goberno provincial que mobiliza ata 38 millóns de euros entre os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia para executar proxectos estratéxicos.
No Pazo provincial, López e Cabaleiro selaron un acordo a través do cal o organismo provincial financia o 100 % dun proxecto valorado en 950.000€, cunha achega de 712.400€ a través do Plan Extra e co aporte de 237.500€ para cubrir a parte correspondente do Concello a través do Plan +Provincia.
Unha mostra, segundo indicou o presidente, dos froitos da combinación dos recursos de dous programas de cooperación impulsados polo organismo provincial para cooperar cos concellos na execución de proxectos estratéxicos para mellorar os espazos urbanos.
O proxecto consiste na humanización da rúa Coruña a través dunha reforma total coa implantación dunha plataforma única accesible e de prioridade peonil, así como a recuperación de elementos protexidos, como son o Peto de Ánimas, o cruceiro e a remodelación das escaleiras que ascenden á rúa Foxo. Do mesmo xeito actualizaranse as sinalizacións verticais e horizontais, a iluminación e a ampliación de zonas verdes. Tamén se renovarán elementos como o mobiliario urbano, as instalacións, as pavimentacións e levarase a cabo o soterramento das redes eléctricas e a renovación de pluviais.
A colaboración da Deputación co Concello de Tui non se limita unicamente ao Plan Extra. O Concello ten previsto recibir este ano de mans do organismo provincial máis de 2,05 millóns de euros a través de programas do servizo de Cooperación como o Plan +Provincia e o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas.
Benestar social
Por outra banda, o goberno de Luis López destinou nos dous primeiros anos de mandato preto de 13 millóns de euros para o benestar social do conxunto da provincia de Pontevedra. “Temos impulsado novidosos programas sociais que recuperan a aposta da Deputación polas familias, por estreitar lazos de convivencia e por construír unha provincia onde todas e todos teñan cabida”, subliñou a deputada de Benestar Social Sandra Bastos.
Bastos recordou que nestes dous anos de goberno puxéronse en marcha novidosas iniciativas como os programas Lecer en Familia e Provincia +Inclusiva ou os primeiros Premios Sociais da provincia, ademais de incrementar todas as partidas das diferentes liñas de axudas sociais da Deputación de Pontevedra. Ademais, a deputada amosou o seu “orgullo” por “percorrer este camiño da man de centos de colectivos e entidades, porque xuntas e xuntos estamos demostrando que este é o xeito de avanzar cara un mundo mellor e máis xusto”.
Nestes dous anos de mandato de Luis López na Deputación de Pontevedra, destináronse, tal e como recordou Sandra Bastos, máis de 6,2 millóns de euros ao plan de cofinanciamento dos servizos sociais comunitarios dos concellos, con máis dun 30% de incremento no Servizo de Axudas no Fogar, ou preto de 2,1 millóns de euros a entidades da provincia para impulsar proxectos sociais. Tamén destacou Bastos os máis de 1,2 millóns de euros para axudas básicas de emerxencia ou o máis de medio millón de euros para que entidades da provincia gocen de xornadas de lecer a través de +Convivencia. Ademais, destináronse preto de 410.000 euros ao programa de termalismo social +Benestar, preto de 400.000 a impulsar a accesibilidade a través de Provincia +Inclusiva, 360.000 euros para que as familias da provincia gocen de estancias en establecementos da provincia a través de Lecer en Familia, preto de 300.000 euros para fomentar o envellecemento activo a través de Provincia Activa, preto de 200.000 euros para a teleasistencia domiciliaria, e preto de 180.000 euros para a cooperación ao desenvolvemento, para poñer en marcha cursos de español para persoas inmigrantes, para a Gala dos I Premios Sociais da Deputación de Pontevedra e para o Fondo Galego de Cooperación.