A Deputación de Pontevedra leva este venres 9 de maio ás 19:00 horas o circuíto +Escénicas ao concello de Mondariz-Balneario da man do espectáculo infantil de monicreques “O Grúfalo”, un compendio de tres historias a cargo da narradora e titiriteira Carmen Domech.
Trátase dunha actuación enmarcada na segunda edición desta iniciativa provincial, que apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia cun orzamento de 195.000 euros, 45.000 euros máis que na súa primeira convocatoria.
O espectáculo «O Grúfalo», que se representará na Sala da Cultura de Mondariz-Balneario, está baseado no libro de Julia Donaldson e conta a historia dun ratiño que pasea pola fraga e se atopa cun raposo, un moucho e unha serpe que queren papalo.
Para sobrevivir, o ratiño crea un monstro imaxinario, unha fantasía que se fai realidade. Coa súa intelixencia, valentía, astucia e confianza en si mesmo sobrevivirá a todos eses depredadores máis feroces e fortes ca el.
O espectáculo tamén recolle outras dúas historias: «Shhh! Temos un plan», que trata sobre catro amigos que van pola fraga e, ao ver un paxariño, queren cazalo, agás o máis pequeno deles, que decide axudalo para que poida vivir en paz; e «Na fraga», onde os chíos do paporroibo contan o que acontece nese espazo: as historias das árbores, da raposa ou do xabaril.
Co circuíto +Escénicas, a Deputación dá resposta á demanda que o sector profesional vén facendo desde fai máis de 15 anos. Tralo éxito da primeira edición, entre abril de 2025 e marzo de 2026 representaranse un total de 136 funcións, escollidas entre un catálogo de espectáculos dispoñible no sitio web da Deputación de Pontevedra, en 50 concellos da provincia de Pontevedra.