A previsión é que Amazon arranque con 40 empregados nesa estación loxística pero ese cadro de persoal incrementarase nas datas punta como o Black Friday, campaña de Nadal ou as rebaixas de inverno.
“Explicáronnos como van facer a selección de persoal e que de inmediato publicarán a través dos medios indicando un enlace onde os interesados e interesadas deberán dirixirse para remitir o seu currículo. Aseguráronnos que será un proceso moi transparente baseado na valoración das capacidades e méritos de cada aspirante”, indicou Eva García.
O Concello de Porriño prestará as instalacións de Porremprego no Multiusos de Torneiros para a realización das entrevistas de traballo aos aspirantes cando Manpower inicie o proceso de selección.
Na reunión abordáronse tamén aspectos referidos á marcha das obras de reforma das instalacións que Amazon mercou. Trátase da antiga sede da firma Arcelor no polígono industrial de Prado-Budiño. Estase a remodelar unha nave preexistente de 1.927 metros cadrados construídos dentro dunha superficie total de 4.661 metros cadrados que ten o solar. A intención da multinacional era abrir esta nova central loxística para o Noroeste de España este verán pero a previsión actual fixa a inauguración para finais de setembro ou principios de outubro.