O edil rexeitou o convite expresando o «completo e profundo respeito do BNG a todas as confesións relixiosas e as viguesas e vigueses que queira participar deste tipo de actos».
Igrexas anunciou que proporán no Concello de Vigo que ningún cargo institucional participe de ningún tipo de manifestación relixiosa. «Proporemos estabelecer o criterio de que ningún representante institucional, en calidade de tal, participe en ningún tipo de manifestación relixiosa», explicou. Desta maneira, o Bloque quere facer «avanzar a nivel municipal a necesaria aconfesionalidade do Estado, separando a igrexa e calquera confesión relixiosa das institucións democráticas».
Anacronismo
Para Igrexas é un anacronismo «que responde a unha tradición doutros tempos» que o Concello de Vigo siga enviando convites oficiais a todas e todos os membros da Corporación municipal para participaren nun acto relixioso, como a procesión do Cristo da Vitoria, indicándolles, expresamente, que o fagan «portando a medalla de concelleiros e concelleiras».
«Respeitamos que calquera persoa, sexa concelleira ou non, poda participar a titulo persoal en calquera acto relixioso, faltaría máis, pero entendemos que no exercicio da representación institucional non ten ningún sentido participar nunha procesión», acrecentou o voceiro nacionalista.
Desde a fronte nacionalista demandan que en Vigo se aplique o criterio que xa está a poñer en práctica noutros concellos, como o caso de Redondela, onde se acordou -co voto do PSOE- separar a institución municipal dos actos relixiosos. «Hai que respeitar, por suposto, todas as crenzas relixiosas. Mais tamén hai que respeitar as moitas persoas que lexitimamente non as temos», remachou Igrexas.