As actuacións contempladas na rehabilitación integral do CEIP García Barbón, cun investimento de 752.416,66 euros, inclúen a instalación dun ascensor e a construción dunha rampla para mellorar a accesibilidade ao centro, a colocación de falso teito desmontable nas zonas que carecen del, corredores e sala de usos múltiples, así como a reparación e pintado dos paramentos interiores. Segundo informou a Consellería, estas obras comezarán nos próximos días.
A obra neste CEIP inclúe tamén medidas para acadar unha mellora da eficiencia enerxética, tales como a instalación de dúas caldeiras de biomasa e a reforma da instalación para quentar os vestiarios do ximnasio, o illamento das fachadas do edificio principal e a colocación de panel sándwich e illamento térmico na cuberta do edificio principal e no ximnasio.
Así mesmo, cambiaranse as fiestras do edificio principal por unha carpintería de carpintería de aluminio con rotura de ponte térmico e vidro dobre baixo emisivo e substituiranse as luminarias por equipos de alta eficiencia enerxética. A combinación destas actuacións suporá un aforro do 71,51 % no consumo de enerxía primaria non renovable e do 75,59 % en emisións de CO2.
Baiona
No caso do CPI de Cova Terreña, cuxa rehabilitación integral custará 1.136.973,66 euros, acometerase o illamento de fachada polo exterior mediante sistema SATE e colocarase panel sándwich e illamento térmico na cuberta. Tamén se mudarán as fiestras por unhas novas de carpintería de aluminio con rotura de ponte térmico e vidro dobre baixo emisivo e instalaranse novas luminarias de alta eficiencia enerxética, segundo informa a Xunta. Todas estas medidas combinadas suporán un aforro do 46,40 % no consumo de enerxía primaria non renovable e do 50% en emisións de CO2.
As obras programadas contemplan asemade a creación de novos espazos para despachos e departamentos, a reforma de aseos no edificio de Educación Infantil para adaptalos a persoas con mobilidade reducida, a colocación de falso teito acústico nas aulas que carecen del, o pulido do pavimento de terrazo e outras reformas funcionais.
Cangas
No CEIP do Hío, os 810.321,85 euros destinados á rehabilitación empregaranse para illar as fachadas e colocar panel sándwich na cuberta do ximnasio, para instalar novas ventás de carpintería de aluminio con rotura de ponte térmica e vidro dobre baixo emisivo, así como luminarias de alta eficiencia enerxética, con equipos de regulación lumínica e detectores de presenza. A combinación destas actuacións levarán consigo un aforro do 42,40 % no consumo de enerxía primaria non renovable e do 45,90 % en emisións de CO2.
Neste caso as obras inclúen tamén a instalación dun aerotermo no ximnasio, a renovación das persianas e das caixas das mesmas, a colocación de falso teito acústico nas aulas, a substitución da carpintería interior, o pintado de paramentos interiores e portas e o pulido do pavimento de terrazo.