Con esta iniciativa, vanse desenvolver 10 novas edicións de itinerarios formativos nas comarcas de Vigo, Pontevedra e O Salnés, nas que poderán participar un total de 150 mozas e mozos. Das 10 novas accións formativas só queda por adxudicar unha, que se fará na próxima Xunta de Goberno, unha vez se resolva o procedemento administrativo.
Máis polo miúdo, na comarca de Vigo levaranse a cabo os itinerarios formativos de “Caixeira ou caixeiro de comercio” (2 edicións), “Peixaría”, “Primeiros auxilios” e “Acompañante de transporte escolar” (2 edicións). No caso da comarca de Pontevedra, terán lugar as accións formativas de “Caixeira ou caixeiro de comercio” (2 edicións) e o de “Carnicería/chacinería”. Por último, a comarca do Salnés acollerá tamén o itinerario de “Carnicería/chacinería”.
Estes novos itinerarios, ao igual que todos os de DepoIntegra Xoven, inclúen contidos de formación específica, prácticas profesionais non laborais, formación presencial complementaria en inglés e ofimática, formación complementaria en liña en igualdade, busca de emprego ou emprendemento, e titorías e orientación de actividades.
Depointegra Xoven é un proxecto que conta cun orzamento global de máis de 2,5 millóns de euros, cofinanciado polo Fondo Social Europeo. O obxectivo é integrar no mercado de traballo a persoas de entre 16 e 30 anos, que non participan nos sistemas de educación nin de formación, inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil. Realízanse itinerarios formativos integrados, para á obtención de certificados de profesionalidade para a mellora da formación e a empregabilidade. Os itinerarios compleméntanse tamén con accións transversais relacionadas cos idiomas, coa práctica profesional, as novas tecnoloxías e a igualdade de oportunidades.