Para a cita do xoves, que comezará ás 18.00 horas, Laura Escuela vai ofrecer unha sesión de ‘Bebecontos’, un espectáculo dirixido a nenos entre 1 e 3 anos. Trátase dunha sesión de contos, poemas e cancións acompañadas de instrumentos musicais (ukelele, campás e instrumentos de pequena percusión), obxectos e libros.
No que respecta ao sábado 16 de marzo, a partir das 12 horas Yoshi Hioki vai optar polos ‘Contos populares de Xapón’, unha escolma de historias do afastado oriente para nenos de tres anos en adiante. As tramas destes contos van desde campesiños dos arrozais a nobres da corte imperial, de animais e monstros, de dragóns e bolboretas, mesturando sempre a poesía e a picaresca. Os pequenos poderán comprobar a habilidade do artista xaponés para ‘pintar’ as historias e os costumes do seu país con humor e sensibilidade.
Contadores das illas
A tinerfeña Laura Escuela é mestra en Educación Infantil, licenciada en Psicopedagoxía e conta, ademais, cun Mestrado en Promoción e Animación Lectoras. Traballa desde hai máis de dez anos arredor do mundo da literatura infantil, a música e a discapacidade. Dedícase á narración oral desde o 2008 e cómpre salientar que nos últimos anos ten levado a cabo proxectos pioneiros de sesións de bebecontos en bibliotecas de Canarias.
Pola súa banda, o xaponés Yoshi Hioki trasladouse no 1991 desde a súa Osaka natal ata Barcelona para estudar pintura. Alí entrou en contacto coa narración oral e comezou a súa carreira profesional como contador. Desde aquela, xa pasou por festivais de todo o mundo e segue a desenvolver actividades que mesturan as súas dúas paixóns: a pintura e a narración.